A necesidade do nacionalismo

Carme Adán FIRMA INVITADA

OPINIÓN

08 feb 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O BNG é un proxecto fundamental para este país. Fundamental. Unha combinación de movemento social e proxecto político que creou varias xeracións de bloqueiros e bloqueiras con forza sen fin para transformar esta terra. Desde calquera aldea até as rúas das cidades sempre estaba aquel ou aquela do Bloque que defendía as e os traballadores, que se preocupaba pola xente, que quería unha Galiza distinta e libre.

Mais ese proxecto colectivo xa non é o máis idóneo para todos os retos que nos marca o futuro. Por iso, con dor de corazón, se cadra temos que asumir que sen mudar a nosa alma debamos reencarnarnos noutro corpo. Reinventarse sempre leva risco mais tamén oportunidades. Mantemos unha militancia exemplar e comprometida, un proxecto para a nosa nación, pero perdemos o paso da sociedade. Isto en termos electorais é unha evidencia se atendemos á perda dun 80 % dos votos nos últimos quince anos.

Ante isto, é responsabilidade de todas e todos os que acreditamos na necesidade do proxecto nacionalista expor as nosas ideas, debatelas desde o franco convencemento de que é o momento da intervención política clara e decidida. A forza e o traballo de miles de homes e mulleres durante varias décadas debemos velo como un legado chamado a renacer para o aquí e agora. Un aquí e agora onde boa parte da mocidade vive en áreas urbanas, descrida e desafecta da política, atravesada polas desigualdades e a perda de expectativas vitais e laborais da xente nova. Un aquí e agora cheo de contradicións entre o local e global que maquilla a precariedade cunha vida low cost.

Neste escenario un proxecto baseado na nosa realidade é tan necesario como o era hai 100 anos coas Irmandades da Fala, na época de Castelao ou no 1982 coa fundación do BNG en Riazor. Porén, para poder operar na realidade que nos toca vivir debemos conectar as ideas e os principios coa sociedade que aspiramos a mudar. Hoxe o proxecto nacionalista do que formo parte debe acometer un proceso de profunda transformación. Da igual que a palabra sexa refundación ou reseteo, o que debemos buscar é mudar a organización para dar cabida ás novas xeracións, ás diferentes formas de facer política froito dun tempo onde a velocidade e o inmediato é un factor que non pode ser infravalorado nas análises e actuacións.

A política debe ser sempre incluínte. Acumular forzas é a obriga de quen busca a construción e a liberación nacional. O cal pasa por recoller a pulsión social que habita na sociedade e acompañala desde as ideas propias, mais non a tanta distancia que as ideas e os desexos das persoas non se recoñezan do afastadas que están. Moitas son as persoas que queren a Galiza, a nosa cultura e a nosa lingua aínda que non a falen por múltiples e variadas cuestións, moitas son as persoas que desexan derrotar as políticas da dereita que nos conduciron a esta situación de perda de emprego, de recortes nos servizos públicos e retrocesos nos dereitos das mulleres. Moitas son as persoas que agardan ver no nacionalismo de novo unha forza de cambio e transformación para Galiza.

Este é un momento importante para o nacionalismo galego, xogámonos moito nestes meses. A nosa mellor achega sería aceptar a pluralidade e o debate para reconstruír o proxecto nacionalista sen demora ningunha. Que sexan tempos de articular espazos de entendemento non é incompatíbel cun nacionalismo que mantén os principios que dan título á nosa XV Asemblea, isto é, autodeterminación, autogoberno e autoorganización.

En cada época histórica aquelas e aqueles que analizaron con maior claridade a sociedade e as contradicións que esta xeraba son os que mellor pilotaron as accións máis audaces para conquistar o futuro. A fortaleza dos vimbios non reside en mudar as raíces de sitio, senón en moverse cos ventos que árbores moito máis fortes son incapaces de sortear.