Teñamos maneiras

OPINIÓN

18 ene 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Conforme este país se vai facendo máis ríspeto e menos amable, máis visceral e alporizado, máis me lembro daquela tía miña que, sen ter outros estudos que as primeiras letras nunha escola rural de hai case cen anos, nos corrixía aos sobriños con aquela expresión tan súa de «a ver se temos maneiras». Téñome referido a ela algunha vez porque os políticos de hoxe sempre ma fan lembrar.

É máis: no mundo das relacións institucionais son as maneiras, as boas maneiras, a norma, o canon, a forma, tan importante como o contido: este, sen a debida forma -as maneiras- deixa de ter respectabilidade. Pois as malas maneiras entre institucións só poden contribuír á súa banalización, á súa erosión e ao seu desprestixio.

A fórmula de agradecemento dos servizos prestados é unha desas maneiras canónicas que sempre se observan en certos casos de relevo dalgúns altos cargos. E negala é unha descortesía, como non recibila, negar o saúdo ou non dar a man. Así non se contribúe á respectabilidade das institucións.

Hai moi boas razóns, dende algunhas ópticas, para rexeitar as políticas de Mas ou do seu sucesor. Isto compréndeo calquera. Pero o que xa non se comprende é que confundamos a persoa coa institución, pois se non gardamos as maneiras xa canónicas de relación entre elas, aínda no caso de que a persoa que as encarna nos pareza rexeitable, estaremos confundindo a institución coa persoa ao seu servizo.

Aínda máis: estaremos contribuíndo á endémica mala política de sempre, ao enfrontamento, á exclusión, ao portazo, que son os contrarios da boa política -o diálogo, o equilibrio de intereses, a apertura de alternativas-. E, polo que se ve, nunca aprenderemos. Por máis que esteamos vendo as graves desfeitas que esa mala política está producindo.