O que hai na rúa

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

18 ene 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Non. Na rúa non hai nais que poidan levar ao seu fillo ao traballo, como fixo a señora Bescansa. Nin eu puiden levar aos meus fillos, nin as miñas noras poden levar aos meus netos ao seu traballo, porque non gozan dunha gardería como a que o Congreso pon a disposición das súas señorías, a un prezo que para si quererían as nais traballadoras da rúa. E tampouco dispoñen de colegas que carguen coa criatura mentres a nai traballa, nin poden levar ao traballo a unha coidadora para os momentos en que a nai decida que xa se fixo bastantes fotos co seu meniño.

Os bebés e os nenos pequenos requiren unha atención constante, a tempo completo, son incompatibles practicamente con calquera traballo, non só co da nai senón co das persoas que están ao redor, porque distraen e molestan a quen ten que traballar. Na rúa, hoxe aínda, con farta dor de corazón, as nais deixan aos seus fillos con quen poden e onde poden: nunha gardería, que mingua de forma moi importante os ingresos familiares; cunha coidadora, cos avós ou co pai, se non traballa.

É posible que, se Podemos se empeña, as deputadas e deputados (non imos discriminar a ninguén) leven os seus fillos ao Congreso, pero que non digan que iso é «o que hai na rúa». Que deixen de facer teatro, que recoñezan a súa condición privilexiada e que loiten de verdade por facilitar o traballo da muller e a igualdade social de homes e mulleres.