Selectividade

Celso Currás
Celso Currás A NOSA ESCOLA

OPINIÓN

15 ene 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Se antes non se paraliza a implantación da Lomce, o próximo ano desaparecerán as probas de acceso á universidade (PAU), máis coñecidas como selectividade. Na súa longa historia non conseguiron un dos obxectivos máis importantes para o que foron creadas: valorar sobre todo a madurez académica dos alumnos, que lles permita seguir con aproveitamento os estudos universitarios. Pola contra, cando no noso país o fracaso escolar ía en constante aumento, as porcentaxes de aprobados nas PAU tamén medraban. De pouco máis dun 70% na década dos oitenta, chegan a pasar dun 90% na actualidade.

España está ben por riba da media europea en número de xoves na universidade, ao mesmo nivel que países que contan con mercados laborais moito mellores. Ten, sen embargo, unha elevada taxa de abandono escolar ao rematar a secundaria obrigatoria. A gran maioría dos alumnos que superan o bacharelato, acceden á universidade, pero fano con grandes carencias no ámbito competencial. Un estudante non debe incorporarse ao ensino superior sen ter acadado, polo menos, un dominio básico das técnicas de expresión, comprensión, razoamento e traballo intelectual en xeral. Ser capaz de expresarse oralmente e por escrito con coherencia e corrección; entender o que se escoita ou le; ter capacidade de análise e síntese; dominar o cálculo e razoamento matemático ou poder organizarse e estudar con método.

Parecen obxectivos de primaria pero polo que comentan profesores da universidade, sono tamén desta etapa superior. Xa non se pide que as PAU seleccionen os mellores, como sería desexable, senón que leven a cabo unha avaliación básica, non permitindo que accedan á cúspide académica os estudantes que non teñan dominadas ditas competencias. As consecuencias desta manga ancha son ben coñecidas: universidades masificadas, infravaloración dos títulos, desmotivación do profesorado... Para que serviu entón a selectividade? Como un mero requisito formal e como un medio para seguir enchendo as aulas, que senón, cunha selección racional dos estudantes e no caso de Galicia ademais co descenso demográfico, quedarían medio valeiras. O que si conseguiron as PAU foi levar a cabo unha rigorosa selección dos mellores alumnos para acceder a titulacións que teñen unha gran limitación de prazas.

O futuro pasa por un exame final de bacharelato e a posibilidade de que as universidades establezan as súas propias probas de acceso. Pero estas previsións poden cambiar á vista da complexa situación política actual. Cada vez é máis urxente un acordo xeral pola educación, que deixe a un lado os sectarismos ideolóxicos. Os continuos cambios lexislativos e a conseguinte inseguridade no traballo cotián dos docentes, son os peores inimigos que pode ter o noso sistema educativo.