Innovación e política

Ricardo García Mira DE COTÍO

OPINIÓN

18 dic 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Investigación e política non adoitan ir da man. É máis, o sistema xeral da ciencia e, en especial, das ciencias sociais non está a formar aos seus investigadores para que os resultados de investigación cheguen a ter un impacto na area política e, en consecuencia, no benestar de quen a financia, o cidadán. Pola súa parte, os políticos tampouco mostraron moito interese en implementar políticas baseadas en investigación que dean apoio ás súas decisións, amosando maior preferencia por importar modelos doutros lugares, moitas veces cun indesexable impacto social, económico ou ambiental.

Mudar os modos de facer política ou promover políticas completamente novas non é unha tarefa doada e, aínda que é un proceso longo e complexo, é posible. Non é preciso gobernar en asamblea. Tan só se require facer fronte a dous retos. Por unha banda, un forte investimento en coñecemento e na creación dunha base estable de información ao servizo do público, que facilite a participación e a innovación social. Por outra, dotar dos necesarios recursos para explorar, crear e innovar, pero de tal xeito que o resultado chegue a incorporarse á política práctica, e alcance así ao cidadán, como principal receptor do resultado da investigación que a sustenta.

Investir en educación e máis en investigación e innovación tense convertido nun paso necesario para prosperar e superar as dificultades sociais e económicas. Quen renuncie a elo, grave erro, estará abocando ao país á ruína ou a un único beneficio de especuladores económicos ou políticos. O Goberno que agora conclúe o seu mandato foi un exemplo desta renuncia, que deu como resultado un grave retroceso dos investigadores españois respecto aos seus colegas europeos, poñendo a España de costas á normal evolución do retorno europeo da I+D+i. Confiemos en que, tal como sinala o CIS, se os españois desexan un cambio e a súa ideoloxía máis próxima sitúase arredor do partido do puño e a rosa, co líder socialista recuperemos o terreo perdido.

Ricardo García Mira é número dous da canidatura do PSdeG-PSOE ao Congreso pola Coruña.