Fóra de órbita

OPINIÓN

30 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O filósofo italiano Massimo Cacciari acerta ao dicir que Europa, ao marxinar o seu legado -o humanismo, o Renacemento, o idealismo alemán- está destruíndose. Preténdese que o futuro pase polo crecemento do PIB e por adaptarse ás esixencias do presente inmediato. ¿E por que ocorre isto en Europa e non nos EE.?UU. ou China ou o Xapón?

Non se trata tan só de ocorrencias á maneira de Wert, senón de algo moito máis fondo e xeral. A filosofía e as humanidades son a fonte principal do pensamento crítico. E tal cousa non só non interesa senón que hai que procurar afastala das cabezas da mocidade, como se vén facendo. Abonda con facilitarlle trebellos e máis trebellos para que se divirta ou salarios de fame -e ás veces nin iso- para que teñan as súas mentes ocupadas e preocupadas.

É ben certo que desa maneira mellor se gobernan masas zombis que masas con pensamento crítico. Por iso é tan fácil decretar que desaparezan dos programas de ensino as fontes do pensamento crítico e se substitúan polos coñecementos técnicos, porque estes, como pertencentes ao máis inmediato, sempre orixinan menos problemas.

Por moita información que teñamos, e témola, sen as humanidades non disporemos de formación para comprender o mundo, e así ocorrerá o que está ocorrendo: que, por poñer só un exemplo, non tendo nin a menor idea do que é o islam e do que significa, estamos dando paus de cego combatendo pantasmas e caendo en pantasmadas.

Isto é o que hoxe lles está pasando aos políticos europeos, que non teñen a menor idea para combater o terrorismo que chaman, mal chamado, islamita e, por no tela, poden levarnos á destrución de Europa e da súa cultura. O noso futuro é hoxe algo moi incerto e esvaradío. Coitada Europa, onte patria humanística do mundo.