Primarias, candidaturas e gatopardos

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

21 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A situación política está tan líquida que os antigos obxectores e insubmisos fichan nas súas candidaturas un prestixioso xeneral de catro estrelas que chegou a Xefe do Estado Maior; e os militantes leninistas promoven entusiasmados eleccións primarias, que durante anos consideraron unha americanización e unha simulación da democracia, para escoller os seus candidatos. O asunto está confuso de raio pero en realidade tanto rebumbio amosa que estamos en tempos dun cambio necesario, demandado pola maioría da sociedade -parece- para saír da miseria de corrupción económica, fraude e desventura política desvendadas pola crise.

Tan necesaria era a mudanza, que está a producirse por todas partes e instancias. Un cambio do que participan tamén as elites económicas e políticas, que flotan na mesma confusión que os chamados partidos emerxentes, os partidos tradicionais do sistema e as envellecidas vangardas revolucionarias. A diferenza é que os emerxentes teñen o vento de cara porque interpretan mellor unha realidade que é case tan nova coma eles; por iso a súa confusión e o seu desconcerto son tamén máis auténticos. O novo deixará de selo pero aí aínda falta algún tempo para chegarmos a iso.

Neste zurullo o cambio está ben considerado aínda que non saibamos moi ben en que dirección camiña nin exactamente para construír que. Canto máis sabemos de onde vimos parece que menos nos importa onde imos. Non ten nada de estraño. Estamos nun deses momentos que uns bos amigos, con moito sentido da historia, coincidían en alcumar de gatopardiano. En realidade inzado de potenciais gatopardos daqueles que Giuseppe Tomasi di Lampedusa identificaba con personaxes dispostos a mudar todo para que todo siga igual.

Ese aspecto entre leopardo xaspeado e tigre leonado é o que empeza a adquirir Cidadáns, que se vai definindo como o partido capaz de garantir, por vías novas, unha grande coalición que as bases e os votantes socialistas nunca poderían tragar. Para conseguilo aínda teñen que controlar un pouco mellor algúns tics de falanxista reformista que non lles acaen á súa idade. Son máis propios do travestismo político que maxistralmente tratou Buero Vallejo en Jueces en la noche: unha obra para repoñer.

O boureo é tal que xa non sabemos distinguir ás veces o novo do vello. Eses mesmos amigos quéixanse da falta de autenticidade que destila a situación. E. Zola advertiunos sobre iso nas súas sagas familiares sobre o Segundo Imperio francés. O inauténtico medra na confusión, o elástico estírase ate deformarse e o marxismo de Groucho intercambia principios tan firmes como o xiz. Resulta chocante que os que sempre fiaron todo á organización e á clarividencia da dirección (UPG e PCE) organicen primarias que sempre negaron; mentres os que innovaron nas formas de participación da xente e lograron autentificar a democracia que dicían que non era tal, inventen emerxencias para non someter os seus candidatos a primarias, renuncien ao seu efecto mobilizador e ofrezan un acordo de cúpulas que marxina e descoñece aos seus electores. A confianza e a garantía de futuro só poden estar na xente e no seu voto. Por certo, contra o tópico reaccionario, Hitler nunca gañou unhas eleccións.