Noite de insomnio

Siro
Siro IMAXES DA TRANSICIÓN

OPINIÓN

21 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Adolfo Suárez sabía que a transición non tería credibilidade sen a presenza do Partido Comunista e legalizouno en contra do desexo dos Estados Unidos, da Internacional Socialista, do Exército e do PSOE. Desde que o rei o nomeara presidente, Suárez creu na reforma e dirixiuna; por iso, e non por outro motivo, quixo que o PCE participase nas eleccións de 1977; para que a súa reforma fose o que en realidade foi: a ruptura co franquismo, desde dentro.

Pero aquela decisión arriscada, mesmo temeraria, favoreceuno nas urnas o 15 de xuño de 1977. Sen a participación do PCE, se a esquerda non fose tan dividida -PSOE e PSP disputaban o mesmo espazo-, quizais a UCD perdería as eleccións.

Alfonso Osorio revela a anguria de Suárez na noite electoral, cando vía que o PSOE gañaba nas cidades e parecía que Felipe González tería máis votos ca el en Madrid. Desmoralizado, comentou:

-Que gobiernen ellos si ganan. A ver si son capaces con el Ejército que tenemos.

Osorio tentouno, unha vez máis, facéndolle notar que cos escanos de Alianza Popular tería maioría para gobernar; pero rexeitou a idea. Ás seis da mañá sóubose que a UCD gañaría; por pouco, pero gañaría. E Adolfo Suárez apareceu en TVE como sempre, máis chulo que un oito.