A desaparecida feliz

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

20 oct 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha muller, nai de dous fillos, que vivía na casa dos seus pais, desaparece. A Garda Civil sospeita que marchou cun home tamén desaparecido dunha vila próxima. Tras unha semana de procura infrutuosa, a familia recibe unha chamada da muller, que di que está ben, que non vai volver a casa e que é feliz.

A dona Emilia Pardo Bazán gustábanlle moito as noticias de sucesos, que en ocasións utilizou para os seus relatos. Queixábase de que a prensa inicia a noticia, pero non a remata, o cal a ela, como novelista, non lle viña mal, porque podía darlle o final que quería. Un dos mellores exemplos foi o conto Justiciero, sobre a morte dun mozo que a xente atribuía ao pai do finado. Eu pregúntome como rematará a historia da desaparecida feliz. As posibilidades son moitas, pero móvense en dúas liñas xerais: unha destaca o desexo de liberdade da muller, que rompe con todas as ataduras e quere vivir a súa vida. E outra se centra na perda dun refuxio seguro, representado polos pais, para lanzarse a unha aventura de final incerto. Os lectores afeccionados a escribir poderán poñerlle o final máis verosímil, ou o que máis lles guste. Eu inclinaríame pola primeira opción se a muller non fose nai. Pero eses dous nenos, pequenos aínda, lévanme a pensar nun conto triste, malia que a protagonista agora se sinta feliz.