Contaminación do mar, contaminación mental

Xosé Manuel Barros FIRMA INVITADA

OPINIÓN

14 oct 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A contaminación que sofren os océanos polos vertidos incontrolados e pola presenza masiva de lixo mariño, cos refugallos plásticos presentes en todos os mares, non deixa de ser o síntoma doutra grave contaminación, paralela á anterior na súa intensidade e que afecta á sociedade moderna.

Estar distraído, entretido, pasalo sempre ben, ser feliz as vinte e catro horas, fuxir da dor, fuxir dos problemas (...ese é o teu problema...), comprar, consumir, exhibirse... son refugallos de lixo mental que contaminan a nosa vida social da mesma maneira que os refugallos plásticos contaminan o mar.

E os que contaminan os dous espazos, os dous territorios son os mesmos: é o sistema que necesita facer de nós, facer do mar, un vertedoiro de lixo para que a maquinaria non pare. O sistema ten os seus adláteres, os seus subsistemas que manteñen ben engraxadas as rodas: a publicidade e as mensaxes que inundan os medios para que o ruído consumista non pare. E todo iso trae como consecuencia o desleixo e a indiferenza no seu trato coa natureza e con aqueles que van quedando nas cunetas.

Os valores que moven a sociedade actual pasan polo consumo frenético e masivo de todo trebello novo fornecido por un ilimitado avance tecnolóxico, unha ansia de puro entretemento e benestar material e a fuxida de todo aquilo que contradí o mandato de comprar e ser feliz.. A tristura está prohibida, os problemas non existen e o consolo externalízase cun abano de psicólogos e psiquiatras. Todo menos complicarse a vida con aquilo que impide o goce arreo de tanto trebello moderno que a exuberancia tecnolóxica pon á nosa disposición, convencéndonos de que vivimos no mellor dos mundos.

Pode ser que esta actitude teña a súa orixe na historia da humanidade, cargada de loita e de sufrimento ao longo de tantos séculos. Cando chegamos a un estadio de desenrolo onde a dor do corpo pode ser practicamente neutralizada e vivimos máis anos, o benestar físico e material transfórmanse nun fin en si mesmo; a dor psicolóxica e a dor mental dos demais derivan nunha besta negra da que compre fuxir porque son un atranco para o noso goce e a nosa obrigada felicidade. De súpeto, decatámonos de que a vida é demasiado curta para tanta cousa que temos a man para pasalo ben e non queremos que ninguén nos enrede cos seus dramas.

Canto máis alto é o estatus da tribo, máis se marcan as distancias con toda caste de dor, máis axiña se desconecta, máis fondo é o silencio ante calquera golpe na vida dos demais que supoña facer as maletas porque a festa xa rematou. Nesta feira consumista perdeuse esa mostra de emoción antiga, esa aperta sentida, forte, sostida nas costas, aquela solidariedade que nun tempo foi humana. Incluso o sangue dos vínculos familiares faise auga, toda aberración emocional é posible nesta sociedade de festa rachada.

A reacción dalgúns intelectuais ante unha grande traxedia do individuo é outra das decepcións destes tempos modernos. E digo modernos porque supoño que debeu de existir un tempo antigo onde o home era solidario en todo o contido da palabra, e dentro dese contido, seguro existía o sentimento da piedade cando a dor aferrollaba a alma dalgún membro da tribo. E, sobre todo, ese sentimento debía de ser máis amplo canto máis elaborada e máis fonda fora a intelixencia do que tiña o saber. Seguro que o feiticeiro, o gran gurú do grupo, falaría coas palabras certas, simples, balsámicas, para aliviar aquelas feridas que non teñen cura.

A sociedade actual, fiel refrexo do sistema que a sustenta, máquina de busca e consumo e competencia feroz, estimula o individualismo e maltrata os territorios comúns. Non hai proba máis clara de que algo vai mal na nosa sociedade cando somo testemuñas a diario da degradación dos espazos comúns, de aquilo que é de todos nós. E, no noso país, en Galicia, o problema faise máis complexo polo seu compoñente histórico e psicolóxico, porque esta actitude de maltrato e abandono está estreitamente ligada á nosa falla de autoestima colectiva.

Compre pois, loitar contra a contaminación de toda caste que nos rodea, limpar o terreo e a mente para erguer uns alicerces firmes de cara a conservar a nosa fermosa natureza, a nosa grande riqueza, o único que é común a todos nós e que nos conforma e consola. E, dentro dela, coma un dos máis grandes e valiosos dos nosos espazos comúns, o mar e os seus dominios. Seguiremos traballando no seu coidado.