¿Autónomos ou «automonos»?

Lisardo Domínguez TRIBUNA

OPINIÓN

10 oct 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O 12 de outubro celebramos o oitavo aniversario da entrada en vigor da Lei do Estatuto do Traballo Autónomo. Como voceiro de AUGA, Autónomos de Galicia, véxome na obriga de botar unha ollada atrás un ano máis para facer balance do que se ten avanzado nestes oito anos no desenvolvemento desta lei que no seu día foi unha lei estrela por regular de maneira nova, unitaria e sistemática o traballo autónomo, espallado en multitude de normas vagas e insuficientes.

Pero o que é ben certo é que o desenvolvemento regulamentario, real e eficaz da lei é precisamente o que temos que reclamar neste día. Pasados oito anos, pouco ou nada se fixo neste senso e continuamos botando en falta unha aposta decidida por dotar aos autónomos dunhas medidas lexislativas que os posicionen ao mesmo nivel có resto dos traballadores.

Pero todos os intentos caen en saco roto, e para mostra, a última reforma da lei, entrada en vigor hoxe mesmo. Unha reforma tinxida de electoralismo, aprobada ás portas dunhas eleccións xerais e sen intervención dos verdadeiros protagonistas, os autónomos. Unha reforma confusa e de retoques que non acaba de cubrir as demandas de vital importancia para o colectivo e segue deixando para un desenvolvemento regulamentario posterior cuestións fundamentais como a creación do Consello Estatal do Traballo Autónomo, a supresión dos representantes dos consellos de traballo de ámbito autonómico ou a desnaturalización da figura do TRADE, traballador autónomo economicamente dependente.

Os Gobernos non poden seguir presumindo de cifras de emprego autónomo, estable e de calidade, cando a situación é ben distinta. Cando temos que pagar a nosa cota independentemente do ben ou mal que nos vaia cada mes. Cando por un só día de retraso no pago da mesma se nos aplica un recargo do 20 % e, por se fose pouco o seu afán recadatorio, a Seguridade Social se dispón a acurtar o prazo para executar embargos a menos de quince días.

Os autónomos necesitamos outro trato, necesitamos abrir camiños novos que nos faciliten o presente e tamén un longo futuro, non axudas puntuais. Necesitamos outras facilidades de acceso ao financiamento, máis axilidade burocrática e a redución urxente da brutal presión fiscal á que nos teñen sometidos, facendo posibles pagos proporcionais aos ingresos reais.

Este sería o xeito de axudarnos de verdade, para que Galicia non sexa o territorio con máis dificultades para crear un negocio, para equipararnos aos autónomos europeos, para non ser o país no que máis caro é ser traballador por conta propia. Estamos á cola de todos os nosos veciños, de Portugal, Francia ou Italia, e isto acaba por ser unha verdadeira inxustiza.

Menos mal que somos, ao parecer, o motor da recuperación económica, o colectivo que suma máis dun total de 218.000 galegos, supón case un 25 % da poboación ocupada e o que move gran parte do PIB do país. Quen crea firmemente nestes datos fará posible o desenvolvemento do noso estatuto e recoñecerá o papel que xogamos as organizacións que realmente representamos aos autónomos.

Silenciarnos non vai ser obxectivo cumprido. Dende AUGA, nesta conmemoración do 12 de outubro, renovamos o compromiso de seguir sendo a voz dos autónomos, tal e como reza o lema da nosa organización, e de loitar por un verdadeiro desenvolvemento da lei. Só mediante a nosa unión, só cando sexamos capaces de saír á rúa e pechar os nosos negocios tan só por unha hora, seremos capaces de demostrar o peso que temos para a economía. Así, seremos capaces de ser autónomos, e non automonos.

Lisardo Rodríguez é voceiro de Autónomos de Galicia.