Lembranzas dun mestre: Carlos Fernández-Nóvoa

José Antonio Gómez Segade OBITUARIO

OPINIÓN

08 oct 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A semana pasada morreu o profesor Carlos Fernández-Nóvoa, que foi catedrático de Dereito Mercantil da Facultade de Dereito de Santiago de Compostela de 1964 ao 2000. Produciuse o pasamento na Estrada, onde nacera en 1930, e á que se retirou a vivir despois da súa xubilación para gozar da súa familia, da tranquilidade da vida vilega e dos seus libros, sen deixarse tentar pola mais mínima nugalla. Non concibía estar inactivo e até o final seguiu cos seus traballos profesionais, coas súas publicacións científicas, e coas súas clases nun mestrado de propiedade industrial en Madrid. Cando se soterraban os seus restos no cemiterio parroquial de Figueroa o xoves 1 de outubro, sentín un desgarro vital e unha triste sensación de orfandade, porque estivo presente na miña vida nos últimos 51 anos, e xuntos pasamos moitos momentos alegres e amargos. Nunca esquecerei que foi el quen me empurrou para iniciar a senda da docencia e a investigación universitarias.

A morte de don Carlos vai alén do persoal e representa unha enorme perda para a universidade e para a sociedade galega, porque non foi un catedrático mais senón un auténtico mestre. En tempos en que moitas presuntas sonas académicas son efémeras e irrelevantes flores dun día, a traxectoria universitaria do profesor Fernández-Nóvoa ten sólidos alicerces que garanten a calidade dos seus froitos dun xeito permanente. Para quen a súa figura resulte lonxana ou mesmo embazada pola crise universitaria permanente, aportará algo de luz o amplo obituario publicado neste xornal o pasado día 1.

Eu aquí só quero deixar algúns apuntes da súa personalidade descoñecida. Quero lembrar os seminarios, as correccións «colectivas» de exames, a formación da biblioteca especializada en propiedade industrial repasando catálogos de anticuarios europeos, ou os cadernos de papel satinado e pastas duras nos que tomaba notas e mais escribía os seus artigos. Lembro as discusións científicas e os seus pequenos enfados cando non se empregaba con propiedade un termo xurídico, as xornadas de preparación dos volumes da revista ADI, e asemade o rigor nas correccións de fondo e de forma nas teses de doutoramento e primeiros traballos dos discípulos. Lembro os cafés ao abeiro dos magnolios na vella facultade, as correccións de textos baixo as parras de Ouzande, as excursión para visitar vellos mosteiros galegos ou a súa sólida cultura, na que salientaba a paixón pola Inglaterra vitoriana, a música clásica sobre todo a barroca, ou a historia da Igrexa. Inesquecíbeis son os relatos das súas viaxes en tren a Alemaña ou en barco ao Reino Unido dende A Coruña, porque tiña presente o mito de Ícaro e non quería voar. Lembro a súa cortesía e timidez, e as súas conviccións democráticas plasmadas en algunha visita ao pai do rei Xoán Carlos cando iso representaba un pecado para o réxime. Quero lembrar finalmente a súa entrega a un ideal de universidade moderna e de calidade, que nunca abandonou, nin cando iniciou o exercicio da avogacía a mediados dos oitenta. Os seus miles de alumnos, os seus colegas e os seus discípulos poderían dar testemuño da súa fonda formación xurídica, da súa ampla cultura, da súa elegancia e talante humano, e da súa finura intelectual.

Estas lembranzas son eco de momentos nos que o mestre se atopaba cómodo e feliz, porque sempre foi unha persoa modesta que fuxía dos focos. Non cambiou o seu carácter a pesar da enxurrada de distincións sobre todo nos últimos anos, que culminou en xuño deste ano coa concesión da medalla Castelao polo Goberno galego. Galicia, a súa familia e a universidade foron o centro do seu universo. Ademais de inmensos valores académicos e científicos, atesouraba unha enorme e descoñecida dimensión humana. Sumámonos ao dolor de Encarna e mais de Helena e confiamos que atopen forzas para estiñar esta ferida cruel. Para os discípulos do mestre, será difícil encher o baleiro que deixa a súa partida. Só nos queda o compromiso de seguir o seu exemplo cívico e o seu ronsel cultural, ademais de continuar a súa obra científica e académica, pero sabendo que os nosos pés diminutos nunca poderán encaixar coas pegadas dun xigante.

José Antonio Gómez Segade é catedrático de Dereito Mercantil.