Digna Andrea

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

07 oct 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Ocórreseme algo máis doloroso para unha nai cá morte da súa filla: vela sufrir sabendo que o seu mal acabou con ela. Por iso os pais da pequena Andrea demostraron que os mellores pais do mundo son os que non permiten que a enfermidade vire en dor o que debera ser alegría da infancia. Vexo na prensa as fotos dese pai e desa nai que podería ser eu, ou vostede, ou calquera que, entre a desesperación, a ira e a dor que teñen pintadas na faciana, toparon coa terrible burocracia cando bate de fociños coa asepsia das batas brancas. ¿Que é unha morte digna? Velaí: lograr a xustiza que detén agonías.

Evidentemente eu, a nai de Andrea, o seu pai, o avogado, o xuíz e mesmo algún membro do comité de bioética somos máis parvos ca ninguén porque non somos médicos. Tan parvos, que entendemos que a digna Andrea deixou tras si unha restra de indignos. Porque dignos serían os médicos se obrasen e calasen, se non se enrocasen nun criterio discutible ata que non puideron máis coa presión da opinión pública (bendita sexa). E, sobre todo, se cedesen ben e fosen elegantes. Aínda que sexa certo que empeorou cadrando coa chegada dun xuíz ao caso, a posición de nós, os parvos, non muda. ¿Por que querer ter a razón a toda costa? Moita falla faría ensinar un pouco de lóxica nas facultades de Medicina agora que case exterminaron a filosofía do sistema educativo.

Pero os parvos non esquecemos que, mentres a inoperancia dos médicos campaba e os pais decidían procurar axuda na legalidade, Andrea sufriu un pouquiño o que non tiña que ter sufrido. Pero en fin, ¿a quen lle importa iso nun hospital? Grazas, pais de Andrea.