Entre homilías e milongas

OPINIÓN

05 oct 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Non sería realista esperar que a campaña das recentes eleccións catalás fose máis alá da propaganda, dun lado e do outro. Ao mellor, non son eses os momentos máis indicados para falar en serio dun problema grave. Pero, xa se sabe, neses casos impera a tentación á frivolidade, a visión superficial e moitas veces o comentario oco e baleiro.

O despregue propagandístico, en especial da prensa madrileña, chegou a esgotar toda clase de recursos, a poñer ao seu servizo autores, coñecidos algúns e descoñecidos os máis, que semellaban teren ido á mesma escola, incluso recorrendo a autores doutros continentes e a escritos colectivos que nos lembraron as proclamas dos tempos do réxime anterior -as coñecidas pola expresión «os abaixo asinantes»-, un verdadeiro barullo de homilías e milongas.

Pero nunca se foi con serenidade e acougo á améndoa da cuestión, sempre embazada pola anécdota: saída da UE, consecuencias económicas negativas, esgazado da sociedade catalá, dentro da lei fálase de todo, nada fóra dela... e demais tópicos ben sabidos. Pero, que eu saiba, ninguén analizou as causas, que son múltiples, da gravidade da situación, e que en diante vai ir a máis.

Como apuntou alguén, pero non desenvolveu a idea, o problema é España, non Cataluña. Esta é a améndoa. O que ten que cambiar España é moito máis do que ten que cambiar Cataluña. E o cambio é este: aprender a pactar entre iguais e nunca baixo tutelas. Pero para tal cousa cómpre o que non hai: a arte da política.

Non se ve por ningures que haxa unha mínima posibilidade de cambio. ¿Será posible que en diante siga a cegueira actual co tempo empeorando as cousas, lonxe de arranxalas, como por preguiza quixeran algúns? Infelizmente, o problema é, e vai seguir sendo, España.