No día despois

OPINIÓN

28 sep 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Agora si que se acabaron as bromas, as de mal gusto e as de mellor gusto, se algunha houbo. Cando escribo, calquera prognóstico está fóra de lugar. O que realmente debera importar é que a cidadanía exercese masivamente o seu dereito, libremente e á marxe dos rebumbios de calquera propaganda.

A campaña foi das máis miserentas que un lembra. ¿Que idea terán da madurez dun país eses autores de homilías que se senten lexitimados para dicirlle aos cataláns o que teñen que votar e que ao mellor pensan que tan abraiante é a súa personalidade que lles van facer caso? Quixera pensar que, ao menos nestas actitudes, Goebbels non tivese razón.

Debe de ser a primeira vez que os xornais, maiormente os madrileños, recorren a asinantes colectivos (na maioría dos casos non sabemos quen son), algúns doutros continentes, para mellor avalar as mensaxes. O que sorprende é a cantidade de vulgaridades e lugares comúns que certos intelectuais das silveiras poden asinar sen vergonza, cunha ignorancia absoluta de Cataluña e un total descoñecemento da súa personalidade como pobo. E da súa condición de comunidade con autonomía de goberno.

Porque, e isto é o grave para quen coma min refuga os termos da secesión -por máis que a cidadanía estea farta e se acolla a ela-, senón que perdan o respecto a todo un pobo, atribuíndose unha condición que ninguén lles confire, para sinalar e impoñer o que pretenden camiño verdadeiro.

Cústame traballo pensar que Felipe González teña caído nesas e noutras trapelas. Non me estraña doutros. Pero, en calquera caso, isto é o que me importa: agora saberemos se esas actitudes paternalistas quedaron definitivamente confinadas nas faltas de respecto, no atrevemento e na oca chulería da triste política española.