Unha cuestión de fe

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

21 sep 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O fervor dos nacionalistas cataláns non é un asunto de patriotismo senón unha cuestión de fe: a súa crenza nunha república catalá, nación ao fin libre, na que todos serán máis felices, máis ricos e máis guapos, é tan inquebrantable como a fe dos primeiros cristiáns. Esta fe dunha parte do pobo e a ambición e a falta de cordura dos seus gobernantes é unha pésima combinación.

Eu pensaba, como moitos cidadáns, que a actitude dos nacionalistas cataláns, o seu convencemento de que España lles rouba e de que sendo independentes seguirán formando parte da Unión Europea, era produto dunha intoxicación de publicidade e de falta de información por parte do Estado español, pero non é así. Desde hai algún tempo, as probas de que son os seus propios honorables gobernantes os que lles rouban (e de paso ao resto de españois) e de que Europa non está polo labor de aceptar as secesións nacionalistas son numerosas e evidentes, pero estrélanse contra o muro da súa fe sen producir ningún cambio.

A campaña convencerá a algúns de que a independencia non lles vai subir as pensións e non van deixar de ser desprezados por ser charnegos. Pero os crentes nacionalistas seguirán firmes no si, seguirán vendo aos seus líderes como heroes e mártires da loita por unha causa xusta e seguirán soñando coa utópica república libre de Cataluña. Fe é crer o que non vimos.