Fábula do amianto

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

06 sep 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Dicía don Victorino López, catedrático do instituto Concepción Arenal de Ferrol, que «en Literatura como en sexo todo vale mentres guste»; e custa definir por que gusta ou desgusta un texto, principalmente se vén cargado de paixón... Hoxe cadra escribir de Peregrinos del amianto, no que La Voz de Galicia é mesmo un personaxe: a voz que alarma dunha catástrofe humana, a dos operarios que acabaron cos pulmóns cheos de fiíños de amianto, traballasen con ese metal ou soamente respirasen no ambiente que o contiña. Ese veleno lento chegou aos pulmóns das mulleres que lavaban os buzos dos homes «de dentro» (dos muros dos estaleiros). Ao final, as vítimas foron -e van- morrendo de cancro en canto os responsables de suposta ignorancia preventiva gozan de xubilacións ben pagas. Inmensa inxustiza.

Roberto Amado Pazos escribe apaixonadamente. Nótaselle o fogo da mocidade e un oficio de xornalista practicado en La Voz. A Rober Amado sóbranlle títulos universitarios para o seu métier, de escritor por razón de ADN (o escritor non so redacta correctamente: escribe). Peregrinos del amianto é aviso dun fabulador, se cadra preludio dunha das moitas novelas por escribir sobre a vida do Impaís: unha de «nachos de buzo que teñen un chope na factoría» (ou sexa, da épica dos estaleiros ferroláns).