Lume nos ollos

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

01 sep 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Teño as lapas prendidas nas meniñas. Lume no monte, lume na vida. Lume de morte. O lume queima, irreversiblemente. Dous mozos veñen de morrer calcinados nun accidente de tráfico. Hai lumes que non se ven, aínda que poden ser ben escandalosos. Estoupidos químicos, por poñer o caso.

E lumes tan silenciosos que nin se sabe cando chegan, pero arrasan. Con 71 vidas dentro dun camión, coma se nada importase. Ao calado de cara ao mundo, pero non podo, nin quero, imaxinar os berros, medos e angustias que deberon sucederse nesas horas dentro dun receptáculo hermético. Teño que apartar a idea da mente, danme arreguizos, cando menos.

Non é sinxelo, porque as fotos de corpos sen vida deitados na area das praias, despois do fracaso na súa busca dun futuro mellor, sucédense a diario. Tanto que penso que é contraproducente, porque dá a impresión de que hai poucas mentes e corazóns que sufran arreguizos coma os meus.

Non nos inmutamos. Non nos movemos. Non nos mobilizamos. ¿De verdade somos unha sociedade civilizada? ¿Que é o que nos preocupa?

Por poñer un caso, ¿que nos chama a atención na televisión? ¿Prestámoslle aos noticiarios a atención necesaria? ¿Escoitamos o que está pasando ao noso arredor? E no país mesmo... porque a fame está estendida polo mundo, e é un dos problemas máis temidos. Igual temos tanto lume nos ollos que non nos deixa ver o importante, e en consecuencia, reaccionar. Lembremos que eles só buscan poder vivir. Sen máis. Por iso arriscan.