Diferentes veciñanzas

OPINIÓN

31 ago 2015 . Actualizado a las 10:17 h.

Hai sesenta anos, e non no medio urbano, un enterro era un acontecemento. Non quero nin lembrar aqueles enterros con carpideiras, que contaban a vida e milagres do defunto -case sempre dicindo mentiras absurdas-, con xesticulacións, berros e acenos dos que, persoalmente, gardo triste memoria.

Refírome aos que seguiron a eses, aínda vixentes nos nosos días de crise da veciñanza. Porque en nada se asemellan aos enterros urbanos, nos que pesan máis a burocracia e as formalidades, aos que teñen lugar no mundo rural, unha sociedade no que o peso do veciño segue conservando toda a súa entidade. Cando un veciño falta, toda a comunidade participa porque toda ela ten noticia da persoa do falecido e do feito mesmo do seu falecemento. E moi difícil será que haxa alguén sen relacións de parentesco con el.

Veciño é o que está próximo, o que está porta con porta con nós. Este concepto de veciño é o que se perdeu nas modernas cidades: nin sequera os que vivimos no mesmo edificio, -ás veces nin no mesmo andar- podemos considerarnos veciños. A nosa proximidade é xeográfica, nada máis.

Hai unhas semanas asistín a un enterro dos de antes, isto é, no que participaba toda a comunidade veciñal, que me fixo revivir vellas lembranzas e que removeu antigos pousos: un morto era un pouco un morto de todos, algo suxería que nos pertencía e que, por iso, a todos nos afectaba. As campás enchían cos seus queixumes todo o val facendo presente a verdade da veciñanza.

Esa é a razón, entre moitas outras, pola que a realidade parroquial é tan forte e determinante en Galicia. Por iso resulta incomprensible que nin as autoridades, nin tampouco os políticos, en xeral, esquezan realidade tan manifesta. O certo é que un xa non sabe en que país viven algúns.