¿Cara a que inferno imos?

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

31 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O racismo e as ideas máis retrógradas están a crecer dun modo incomprensible. E digo incomprensible porque non se pode entender que Alemaña estea a volver ás actitudes racistas que levaron a Hitler ao poder. Tanto arrepentimento, tanto avergonzarse polo sucedido, e agora volta a empezar. ¿E que me din de Estados Unidos, unha nación feita con inmigrantes? ¿Como é posible que un tipo como Donald Trump aumente a súa popularidade cada día e se postule como candidato á presidencia? Dixo que os inmigrantes ilegais mexicanos eran «corruptos, delincuentes e violadores» e que había que poñer un muro, que pagaría México, como fronteira; está en contra da vacinación e non cre no cambio climático, e expulsa dun mitin, en plan matón, a un xornalista que o contradí. E cada vez máis xente o apoia... ¿Que está a pasar? Paralelamente, os riscos que corren os inmigrantes increméntanse e as condicións que impoñen os traficantes a quen intenta chegar a un país de acollida fanse máis crueis: amoréanos nas adegas dos barcos, só sacan a respirar a cuberta un anaco aos que poden pagalo, outros moitos morren por asfixia, igual que os 71 do camión abandonado nunha estrada de Austria, entre eles catro nenos. Os que sobreviven encóntranse con barreiras de arame, como as españolas, ou como as que acaba de levantar Hungría, «¡a católica Hungría!».

¿Cara a que inferno en vida camiñamos?