Beleza enferma

Jorge Mira Pérez
Jorge Mira O MIRADOIRO DA CIENCIA

OPINIÓN

24 may 2016 . Actualizado a las 11:43 h.

Hai ano e pico, a Academia Española de Dermatología y Venereología emitía un comunicado advertindo dos perigos da depilación integral da zona xenital. Cualificaban esa moda de «absurda» e «sen fundamento» posto que, dende que se está a estender, os dermatólogos asisten impotentes a un aumento alarmante das enfermidades de transmisión sexual entre mozos. O anuncio coincidía cos previos da chegada a Galicia de Harald zur Hausen, premio nobel de Medicina 2008 por descubrir que o virus do papiloma causa varios cancros. Zur Hausen explicou aquí que ese virus é transmitido esencialmente por vía sexual, e o perigo empeora se os amantes teñen as súas zonas púbicas depiladas, xa que non están protexidas polo preservativo.

Vaiamos coas tatuaxes. Varios organismos (entre eles a axencia do medicamento dos EE.UU.) teñen advertido dos perigos de inxectarse tinta no corpo: posibles alerxias, infeccións difíciles de detectar, a imposibilidade de administración de anestesia epidural nalgúns casos (polo risco de desprazar a tinta a zonas interiores), etcétera.

¿E os piercings? Un estudo da Universidad Rey Juan Carlos alertaba hai pouco que un 72 % das persoas con piercings na boca sufriran algún tipo de complicación posterior. Malia isto, segue a haber xente que fura a lingua para cravar nela un metal.

Unha de dúas: ou non abondan as campañas de información e concienciación, ou estas son máis febles que unha corrente social que parece esquecer que a mellor beleza está na saúde.