Hotel de Inmigrantes

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

23 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A cotío contémplase unha das maiores atrocidades da historia contemporánea: o asalto á Europa por xentes que foxen da fame e da guerra. Como consecuencia do que estamos a ver xorden voces que distorsionan a realidade. Certo que «Toda a terra é dos homes» (Rosalía) mais non que todos os homes entraron ao asalto en todos os Estados organizados. Verdade que os españois foron gañar a terra por onde mellor lles cadraba; pero non que fosen acollidos de brazos abertos e puidesen circular libremente sen papeis.

Que ninguén esqueza o Hotel de Inmigrantes da inmensa capital do Sur. Á dársena de Buenos Aires non se chegaba doadamente, nin se pasaba a circular pola cidade como quen vai de turista. Había viaxeiros «reclamados», con baúl de camarote no que se agachaban chourizos, unto e botellas de caña para as familias que os agardaban logo de pasaren un longo trámite. Mais, se non os esperaba ninguén, ficaban no Hotel de Inmigrantes xunto cunha babel de almiñas de toda Europa, ata poderen acceder por quenda ao país do pan e o bife, ou seren devoltos (como se facía, por exemplo, cos polisóns tísicos)... Seica o Mediterráneo é estreito e Europa comparte culpas pola cobiza do petróleo de Iraq e Libia. Ora, a solución non é Europa para todos senón cadaquén no seu país con axuda de Europa.