¿Quen se beneficia dos lumes forestais?

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

13 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Vintecatro incendios nunha fin de semana de xullo, 41 na noite de san Lourenzo, todos entre as nove da noite e a madrugada do día seguinte son demasiados para atribuílos á Nai Natureza. Ninguén, dende os paisanos das zonas afectadas ata a conselleira de Medio Rural ou o propio presidente Feijoo, dubida de que son intencionados. A elección de días de vento, e dunhas horas nas que non poden utilizarse helicópteros, a multiplicidade de focos simultáneos, e mesmo a coincidencia do paso dun coche pouco antes de que se inicien os lumes, corroboran o carácter delituoso dos incendios.

Iso está claro, a pregunta é: ¿quen o fai e por que? A teoría do pirómano, a persoa cun trastorno psicolóxico que sente impulsos incontrolados de facer lume e que goza participando nos incendios non pode explicar nin o gran número deles nin a coidadosa organización. A resposta a esa pregunta terémola cando se poida contestar a outras: a quen benefician os incendios, que proveito se saca deles e quen o vai gozar.

A falta de limpeza de montes, a escaseza de recursos para combater o lume e a ignorancia dos que queiman restrebas aumentan o problema, sen dúbida, pero o fundamental é localizar os que o provocan intencionadamente e aplicar castigos exemplares non só á man que prende a mecha senón sobre todo a quen organiza e paga por queimar os nosos montes. Oxalá os vexamos pronto no cárcere.