O búho galego

La Voz VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

02 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Na marea da semana pasada falamos aquí de galeguismo (galeguismo necesario): un sentimento e unha reivindicación. Sentimento da Terra, que dirá Vicente Risco, e reivindicación da súa dignidade, dereito a decidir por nós, sen intermediacións nin outras voces (intereses) que nos suplanten. E citei, coma quen pasa por riba, o señor de Monforte, o célebre don Pedro Fernández de Castro (1560-1634), VII conde de Lemos, IV marqués de Sarria, V conde de Vilalba, grande de España, vicerrei de Nápoles, presidente do Consello de Indias (¡con 27 anos!), presidente tamén do Consello Supremo de Italia, un dos postos de máis influencia na política exterior española, protector do saber e das letras, a quen Miguel de Cervantes dedica a edición da segunda parte de El Quijote (1615).

O conde de Lemos é o autor dun opúsculo, que no seu momento circulou como anónimo, en defensa dos dereitos e personalidade de Galicia (e dos galegos) titulado: «El búho gallego con las demás aves de España haciendo Cortes. Preside en ellas el Águila Real, como imperial señora de todas». Xosé María Álvarez Blázquez rescatou o opúsculo e editouno en 1951, cun documentado limiar, na editorial Monterrey que entón dirixía.

Galicia non dispoñía daquela (século XVI e primeiros anos do XVII) de dereito a voto en Cortes. Dende o século XV a representación galega detentábaa a cidade de Zamora. O conde de Lemos, xunto co conde de Gondomar, Diego Sarmiento de Acuña, outra figura sobranceira da política da época, convertéronse nos grandes valedores da reivindicación galega, que non se concretou ata 1623, previo pago de cen mil ducados. Ata ese ano, o reino de Galicia estaba fóra dos circuítos de representación política, coutado polos intereses cativos da nosa fidalguía local, pequeneira e pouco ambiciosa, entregada ás decisións das xentes de fóra.

Na obriña anónima, que provocou non pouco debate no seu momento, o señor de Monforte constrúe unha parábola, «sátira política con intención proselitista», en palabras de Álvarez Blázquez, na que Galicia está representada pola intelixencia e a sabedoría do búho fronte ás outras aves, que fan mofa del ou non o consideran (o pavón andaluz, o tordo biscaíño), e nela reivindica non só os méritos do antigo reino ao servizo da Coroa (a aguia real), mesmo por riba das ínfulas que outros se dan, senón moi principalmente os principios do sentido común, o sentidiño, que debería servir de exemplo a tanto arruallo e tanta fachenda que os adversarios amosan. Un texto cheo de enxeño que, como digo, provocou controversias e que vai á par da correspondencia que se conserva dos dous galegos (o de Gondomar e o de Lemos) a prol da causa da súa terra, nos primeiros anos do século XVII, repito.

Nos tempos que corren, ou que se aveciñan, non está mal volver sobre a memoria das cousas: neste caso a das xentes que no seu momento entenderon que, malia o meigallo histórico que nos tolle, alguén está (e estivo) pola dignidade da causa que representan, que é tamén a dignidade dos que tales razóns defenden (e defenderon).