Namórate

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro DE BAR EN BAR

OPINIÓN

30 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Permite, este verán, que os reiseñores xílgaros anduriñas e pombas aniñen no teu pelo. E namórate. Os paxaros han de saír, como frechas de Cupido, voando cara uns ollos que só saben mirarse nos teus. Sentirás formigas camiñando a boca do estómago, bolboretas azuis danzando a danza das mil marabillas na túa boca, milpéndoras revoar o teu adentro cálido. Namórate. Imprudentemente. Tírate dende o balcón da tenrura para caer entre uns dedos que sosteñan os teus, que coñezan a conxugación completa do verbo acariñar, que percorran a túa pel descalza mansamente, que habiten os deshabitados espazos, que alivien, curen, levanten. Namórate tamén dos días claros con recendo a sal de mar, a verde terra, constelación de sol. Namórate das noites con astros pendurados que anuncien un futuro feliz. Fai das estrelas o teu espello. Cada unha delas ten nome. Escríbelles cartas de amor que desterren, para sempre, a vida non vivida. Encántate. Baila aínda que non consigas dar un paso. Canta incluso as cancións que non sabes cantar. Namórate. Dos que acompañan. Dos que aman como ti os amas. Dos que entregan sen pedir. Namorarse é un antídoto contra a tristeza e o desencanto, contra a miseria e os miserables. Un seguro de vida. Namórate, pois, para nunca morrer. Para que cada segundo teña sentido. Para avanzar o camiño da memoria, infancia arriba, cando a felicidade era un oficio fácil de escribir. Este verán é unha ocasión única. Non a deixes pasar. Nas miradas dos namorados persiste, aínda que o mundo non o crea, a palabra perdida: esperanza. Hai máis verdade nun bico (adolescente ou senil) que en todas as sentenzas solemnes que contan os noticiarios de cada día. Namórate, anda.