Bendita néboa

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

29 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Bendita néboa. Pero que sorte temos!!! Todos aqueles que se queixaban contra a climatoloxía (e tamén contra os enxeñeiros de camiños) por mor da néboa que ás veces impide cruzar a A-8 entre Abadín e Mondoñedo, van ter que retirar todos os seus laios. E é que, grazas a esta mesta borraxeira que nos está estragando o por fin aparecido verán, imos ser os habitantes do planeta con máis posibilidades de sobrevivir.

Sabemos que non somos moi coidadosos coa nosa casiña, a Terra, ben o vemos cos niveis de polución, os estragos no mar, os incendios forestais... o lixo por calquera recuncho. Xa non falo das conciencias de moitos, que deben estar máis emporcalladas ca o propio planeta, pero... non se preocupen. Aínda que esta situación xa non ten volta atrás, aínda queda esperanza. Afastada, si, pero haina. Concretamente en Plutón.

Seica nese pequeno planeta, tan pequeno que o relegamos á categoría de anano, hai néboa. O que oen. Brétema coma a galega ou londinense, que é máis famosa pero menos enxebre. Así que, por unha vez, gañámoslle a todos.

E ollo, que a cousa non é de risa, pois un dos investigadores di que só viron superficies coma estas en mundos activos como a Terra ou Marte. Ou sexa, que cando acabemos por completo co noso mundo, teremos que ir ao diminuto Plutón, e con tanta néboa, os galegos habemos darnos moito mellor ca os outros. Por unha vez, imos ser os primeiros, por méritos propios, que para iso levamos toda a vida sendo neboentos. Quen o diría, pero... Bendita néboa!