Vacas no pasteiro

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

22 mar 2023 . Actualizado a las 14:01 h.

Tandil, na provincia de Buenos Aires, pagos civilizados polo vasco (de Ourense) Ramón Santamarina. Estancia de lecheras. Cabalgada con guía de luxo, enxeñeiro zootécnico reputado nas pampas arxentinas e brasileiras. Os gauchos arrean vaquiñas miúdas aos tambos onde as muxen as máquinas, de 100 en 100. O visitante sorpréndese ao saber que non dan máis que 13 litros ao día. O perito explica, orgulloso, que «están mantidas a herba, non se lles dá un gramo de penso; e as contas saen». Home moi viaxado, entra no caso da Nova Zelandia: ese país «máis ca experto na produción de carne e leite, éo na creación de pasteiros». Nunha reviravolta sobre os antípodas -Galicia fronte á Nova Zelandia- comenta: «Non sei como os galegos, tendo tanto monte, non producen herba masivamente. Importar penso para vacas de leite é suicida».

Bruxelas, manifestación de gandeiros preto da Dirección Xeral de Agricultura. Outro zootécnico de prestixio mundial contempla o espectáculo, que inclúe churrasco de balde. «O noso amigo arxentino ten razón -sentencia no seu galego do corazón do país-. O negocio non está en manter vacas de deseño na corte para quitarlles 40 litros ao día. Hai que botalas ao prado. Hai que facer enxeñería de recursos. Galicia podería zafar desta tolería... lexislando a xeito».