A Europa indecente

OPINIÓN

20 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

É xa xeneralizada a idea de que a firma no día 12 do acordo do Eurogrupo con Grecia é unha desfeita para o país heleno, pero tamén para Europa. Fálase moito do negativo que resulta para os gregos e case nada da verdadeira desfeita, e de que magnitude, para Europa e para os principios da unidade europea.

Como dixo o semanario Der Spiegel, o tal acordo é un «catálogo de atrocidades que o Goberno grego se ve obrigado a asinar cunha pistola na sen», ou, como expresa o Financial Times, «unha paz cartaxinesa», aludindo á frase de J. M. Keynes da paz imposta aos vencidos, para terminar con todas as paces, e que frustrou a esperanza dunha paz xusta e duradeira.

Infelizmente, hai cada vez menos dúbidas de que estamos diante dun novo nazismo económico alemán. Nin a arrogante Merkel, nin os submisos alemáns, nin os desnortados europeos deberan ser tan fráxiles de memoria como para teren esquecido as leccións do Tratado de Versalles -onte a mesma humillación para Alemaña que esta impón agora a Grecia-.

¿Repetirase a historia que seguiu ao Tratado de Versalles? É o que pensan moitos e hai, sen dúbida, fortes alicerces que sustentan esa sospeita. Só isto último debera ser abondo para proceder con suxeición a esa idea, para tela moi presente e non para seguir actuando coa memoria embazada polo poder financeiro.

Porque a desfeita asinada o día 12 -tanto para Grecia como para Europa, insistimos- é a quebra dos principios que rexen, ou rexían, a unidade europea -solidariedade, dignidade, liberdade, igualdade, xustiza- e a entronización do poder financeiro, das multinacionais, do TTIP, das desigualdades, da capitulación da política diante das finanzas, da inxustiza... Díxoo ben Varufakis: esa Europa non é lugar para xente decente.