Santos e pecadores

Miguel-Anxo Murado
Miguel-Anxo Murado LIBRO DE HORAS

OPINIÓN

04 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Os fundadores do que hoxe é a Unión Europea foron santos. Ou serán quizais algún día. Dous deles, Robert Schuman e Alcide De Gasperi, están en proceso de beatificación, e hai voces en Alemaña que piden que o Vaticano inicie tamén o proceso dun terceiro, Konrad Adenauer. Hai uns anos, a causa de Schuman parecía a que ía máis avanzada. Este, un asceta que tivo a súa visión do futuro de Europa mentres se alimentaba exclusivamente de ovos e leituga, era un católico de comuñón diaria, «un santo con traxe e gravata», como o definiu unha vez un colaborador. Pero os promotores da súa canonización buscaban e buscaban nos poeirentos arquivos de Metz sen atopar algo indispensable: un milagre. Aínda así, insistían: non abondaba coa propia Unión Europea? Máis de catro décadas de paz entre Alemaña e Francia, non se podía considerar un prodixio? Pero o Avogado do Diaño non estaba convencido. «Unión Europea? Primeiro hai que ver como acaba», pensaba, seguramente.

O Fondo Monetario Internacional é un caso distinto. Se a Unión Europea foi fundada por ascetas, o FMI é un organismo dirixido xeralmente por pecadores. A actual xerente, Christine Lagarde, está incursa nun proceso penal por abuso de poder e tráfico de influencias. O seu antecesor, Dominique Strauss-Kahn, tivo que enfrontarse a xuízos por violación e proxenetismo. E ao antecesor deste, o español Rodrigo Rato, detivérono hai pouco por fraude, alzamento de bens e branqueo de capitais. O FMI parece contento con esta reputación sulfurosa. Proxecta a idea de que os cartos son algo independente da virtude.

O caso é que estes días coincidiron uns e outros, santos e pecadores, unidos na empresa de obrigar a un debedor a pagar. Para a UE é unha cuestión de principios. Ademais da beatitude, os seus fundadores tiñan en común a lingua alemá, porque Schuman era alsaciano e De Gasperi italiano do Trento austríaco. E en alemán a palabra para débeda e culpa é a mesma: Schuld. Para o FMI, en cambio, a débeda non é un feito moral, senón unha oportunidade de negocio. Sen perdedores non podería haber gañadores e a débeda é o que fai posible ese gran motor da economía moderna que é o crédito.

Aínda que santos e pecadores non estean de acordo no fondo, si están de acordo nas formas e durante as negociacións o contrapunto era perfecto. A voz da moral e a do cinismo compoñían sen fallos a melodía do himno oficioso de Europa, que é unha canción de Miguel Ríos. Santos e pecadores non concordan en cuestións filosóficas, en se as débedas nacen da perversidade moral ou son simplemente mecanismos inherentes ao sistema, pero coinciden na receita a aplicar: a austeridade. Para os moralistas da UE é un castigo que purifica a alma, para os pragmáticos do FMI, unha forma didáctica de inculcar o liberalismo económico. Uns e outros están convencidos de que ese é o único camiño para salvar o que no fondo importa, que é a moeda única. Logo, ao acabar a reunión, cada un marcha a celebrar polo seu lado: os tecnócratas da EU aos restaurantes da Grand Place e os do FMI aos locais canallas da Rue d?Aerschot, que está convenientemente situada a carón do distrito financeiro, paralela á Rúa do Progreso.

Se a Unión Europea sobrevive a isto, en Roma ao Avogado do Diaño váiselle presentar unha cuestión complicada. Terá que decidir se é este o milagre que levan tanto tempo esperando os partidarios da canonización dos fundadores da UE ou se, polo contrario, non é máis que a consumación dun novo pecado do FMI.