Desaparece o TOP

Siro
Siro IMAXES DA TRANSICIÓN

OPINIÓN

04 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Suárez quixo deixar claro que o Goberno controlaba a Reforma, de aí que autorizase a celebración da Diada en Cataluña e o uso da ikurriña e a bandeira galega, pero prohibise a canción Libertad sin ira, do grupo Jarcha, que o novo xornal Diario 16 utilizara na campaña de lanzamento e que se converteu no himno da transición.

Catro días despois de ser aprobada polas Cortes a Lei para a Reforma Política, a ultradereita conmemorou o primeiro cabodano da morte de Franco cunha gran concentración na praza de Oriente, na que se berraron consignas contra Suárez, acusándoo de traidor, e pediuse ao Exército que tomase o poder. O Goberno seguiu coas reformas e o 4 de xaneiro de 1977 unha nova Lei do Rexistro Civil permitía a inscripción en calquera das linguas españolas, e o día seguinte suprimiu o Tribunal de Orden Público (TOP), que durante catorce anos se encargara de xulgar os delitos políticos, procesara a 8.943 persoas e condenara a 6.158. Tamén se creaba a Audiencia Nacional, derogábase o Decreto-Lei antiterrorista, e regulábase a obxección de conciencia por motivos relixiosos. Ademais, transferíanse á xustiza ordinaria as causas por delitos de terrorismo, que viñan seguíndose na xurisdición militar.