A desigualdade é un ben de Deus

OPINIÓN

15 jun 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Non se pode poñer en dúbida que as medidas económicas neoliberais, aquí e en calquera parte, crean desigualdade, exclusión social e pobreza. E aquí levamos a dianteira aos demais países veciños, agás un ­-unha triste realidade obxectiva que ninguén discute-.

A desigualdade foi predicada por quen hoxe ostenta a presidencia do Goberno en artigos ben coñecidos (poden consultarse na rede), nos que se nos ilustra con que o natural do home é a desigualdade, que é o que ten arrequecido o mundo e elevado o nivel de vida dos pobos. O que, polo demais, pode ser un herdo e que en todo tempo os fillos de boa estirpe fosen superiores aos demais.

Da pobreza, consecuencia lóxica da desigualdade, dicía o doutor Oliveira Salazar que era un ben de Deus. Supoñemos que cando se nos di que estamos saíndo da crise, que o noso crecemento supera a toda a veciñanza e que imos na boa dirección, a realidade que teñen presente os que iso din é a da desigualdade favorecedora dos da boa estirpe e non a dos coitados que a padecen. ¿Hai outra maneira de explicar tanto triunfalismo?

Desigualdade que está asegurada, pois paréceme que teñen toda a razón os que pensan que, entre nós, o dominio oligárquico converteu o Estado nun nicho de negocio máis, e que o dominio dos que non foron electos ten secuestrada a democracia.

Hai quen se ten preguntado se algunha vez na historia de humanidade houbo unha transferencia tan grande de desigualdade dos pobres en favor dos ricos. A resposta é que nunca. Pero sen esquecer que non podería ser posible sen unha certa complicidade dunha socialdemocracia esvaecida. Rescatemos a democracia e eliminaremos a desigualdade. Por iso hai tanto medo de que se empece a tomar conciencia desa realidade. Pero niso andamos.