Touradas e procesións

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

08 jun 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A Coruña e Ferrol compartían partido conservador nos concellos, mais cascarilleiros e vilapodrenses, ao unísono, decidiron mudar de rumbo. Os novos mandatarios anunciaron que deixarán de financiar touradas no coliseo coruñés e procesións na Madalena ferrolá.

Contaba don Manuel Fraga a mágoa da súa avoa vilalbesa vendo sufrir os touros na praza da Coruña: exclamaba «¡Animaliños!», pois para ela os bois eran criaturas domésticas merecentes de agarimo. Os galegos de Comodoro Rivadavia relataban que ao Antonio Soto, líder da revolución anarquista da Patagonia, lle daba vergoña compartir lugar de nacenza con Franco, pero humedecíanselle os ollos lembrando as procesións de Ferrol.

A «fiesta nacional» é allea aos galegos mais non o catolicismo paseante de imaxes: velaí que as procesións ferrolás deviñeron atractivo turístico de Galicia. A un goberno laico non lle cómpre subvencionar mostras de fe, e as de Ferrol poden ter elementos importados de Cádiz e Cartaxena. Ora, os antropólogos falan de costumes foráneos tomados como propios polo pobo.

Aos novos concellos seríalles bo consultaren a xente. Se cadra na Coruña trunfa o desinterese pola tauromaquia. Non parece tan doado que Ferrol sexa indiferente á festa dos capuchóns a repartir caramelos entre quen os ve desfilando após dun crucificado.