Non somos ingleses

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

28 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Se fosemos ingleses, é dicir, se os deputados autonómicos e concelleiros municipais se repartisen nas eleccións co mesmo criterio que no Reino Unido e resultase elixido o que logra maior número de votos, con independencia da cifra real destes, a estas horas o señor Rajoy estaría a fregar as mans como no seu momento o fixo o seu colega Cameron. Pero aquí os deputados e os concelleiros repártense proporcionalmente, e por iso os que se fregan as mans son os partidos emerxentes.

Ademais de non ser ingleses, tampouco somos alemáns, e non estamos afeitos a pactar razoablemente. Véxase o caso das eleccións andaluzas, onde a candidata que tivo máis votos non encontra xeito de que non voten en contra dela os partidos derrotados. Canto máis cede ela, máis piden os que teñen a chave da gobernabilidade.

Somos españois, algúns máis que outros, segundo din, pero todos cun fondo que nos leva a actuar como o visir Iznogud, o famoso personaxe creado por Goscinny (creador tamén de Lucky Luke e Asterix), que fixo famosa a frase: «Quero ser califa en lugar do califa». O seu retrouso resume ben un tipo de político ao que o único que lle interesa é botar fóra ao que ostenta o poder para ocupar o seu lugar. E se para iso ten que chamar «socio» ao que antes chamou «casta», o mesmo dá. Con Iznogud riamos moito, pero témome que a nosa situación, máis que a un cómic divertido, se parece ao «conto contado por un idiota, cheo de ruído e furia»...