A política dun tempo novo

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

27 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A historia venceu á demoscopia. O cambio e a conxuntura puido con estruturas que parecían intocables. Os inquéritos non podían atinar, sen referencias para facer cociña non había como atribuír indecisos nin definir coeficientes multiplicadores de voto oculto a partir da experiencia de trinta anos de resultados electorais. Todo estaba e está sucedendo por primeira vez. Por iso este xornal titulou propiamente: «Cambio histórico». Un cambio si, pero por que? De que? Porque temos a sensación de inaugurar un tempo novo, con novos axentes, novos suxeitos e novas formas de facer e participar na política. Porque entran os novos -nova xeración- e entran gañando, pola esquerda e polo centro dereita. Pesou moito máis a corrupción que o medo, e os votantes distinguiron eles soíños entre corruptos e imputados. O día das eleccións foi unha festa de democracia: a frase cursi de tantos candidatos ídem fíxose de novo realidade como cando se pronunciou por primeira vez.

Perdeu a dereita gobernante, pero sobre todo perderon os corruptos, os enredeiros e os que non se querían ir aínda que ninguén os quería xa. Por primeira vez votouse menos en clave esquerda-dereita que en clave novo (limpo) contra vello (esgotado ou corrupto). Atinaban Pablo Iglesias e Errejón, aínda que non lograron mudar a dualidade clásica pola nova arriba-abaixo. Así se interpreta a derrota do PP en Santiago, A Coruña ou Ferrol, a do PSOE en Lugo fronte ao PP, a caída do PP en Ourense ou o triunfo dos alcaldes de Vigo e Pontevedra que ninguén pode identificar coa corrupción aínda que pertenzan a partidos clásicos. Os electores buscaron saídas novas ou coñecidas que os reconciliaran coa democracia como sistema representativo, no nivel de máis proximidade: o municipal.

Non son poucos quen negan o cambio, empeñados en que nada cambie. Chámanlle fragmentación a un tempo máis plural ou falan de caos para referirse a un futuro necesariamente máis negociado cos electores e entre os partidos. Recupérase o pacto e a negociación sen límites. Todo indica que se acabaron as necesarias maiorías absolutas do PP, pois só así podía gobernar, despois de fagocitar todo o que se movía entre o PSOE e FN. Tamén a chantaxe do voto útil do PSOE a unha esquerda que nunca se atreveu a gobernar co seu programa ou a ter un programa para gobernar. IU e UPyD son os primeiros damnificados da mudanza, onde non practicaron a inmersión están virtualmente disoltos.

Os resistentes ao cambio auguran toda clase de males aos novos que se atreven a facer o que xa fixeron eles, confundido a súa curta memoria coa Historia. Non reparan que xa chegamos aquí cambiados. Alguén lembra que Rubalcaba mandaba hai 10 meses no PSOE? Tampouco reparan no BNG que foron os seus antigos activistas quen montaron os novos instrumentos, mentres a UPG aseguraba a burocracia sindical. A vella esquerda non é quen de ver que esta democracia recupera os movementos sociais e a mobilización como motor de cambio. A Historia non é só a mudanza conxuntural, tamén é o peso do pasado. Ademais de facer historia tamén somos historia e por iso a euforia da noite electoral nas cidades da Coruña e Santiago lembra ao 14 de abril de 1931, mesmo na subida ao balcón do novo alcalde Martiño Noriega. Pasados, por ventura, hai moitos onde escoller.