Parece que sobra país

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAISAXES E PALABRAS

OPINIÓN

24 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A práctica do paisaxismo conleva a inmersión no territorio, andando sen excesivas tecnoloxías de apoio para deixar lugar á aventura, con botas, bastón, chuvasqueiro e teléfono móbil por se acaso, cunha mirada sen prexuízos que abranga da escena próxima ao panorama, fotografando para logo axudar a memoria e falando coa xente. Levo anos percorrendo Galicia nas diferentes estacións, e fun e sigo a ser testemuña da súa transformación ambivalente. Quizais o máis significativo sexa a mellora da accesibilidade. Hoxe, chegar desde calquera punto á Galicia interior non é un problema. Cando un está nesa gran Galicia parece que sobra país, se temos en conta só a poboación que está empadroada, pero coa actividade das fins de semana, sexa a través do turismo rural, co sendeirismo, a caza e a pesca, dos urbanitas que retornan ás súas aldeas ou dos emigrantes que veñen pasar tempadas, a situación é distinta. Poida que este fluxo e refluxo da veciñanza leve a ter que cambiar os criterios da demografía clásica por outros onde se pondere máis a estacionalidade, a actividade económica e a mobilidade. A medida que nos aproximamos atópanse xentes, ás veces estranxeiras, que están a propiciar paseniñamente outras formas de habitar e de entender a agricultura, máis vinculada ao consumo urbano, implantando quizais sen darse conta, xunto cos inmigrantes retornados, outras tradicións, sincretizadas ou non coas nosas.

Nestas grandes áreas paisaxísticas, dunha beleza excepcional, chaman a atención as novas vivendas ampulosas, con solucións importadas doutras latitudes e cun manexo pouco hábil da topografía, ao contrario do que antes se facía. Seguramente expresan unha ansia de vencer o pasado e demostrar a superación do presente.

Agora necesitaríase un longo tempo de maior simplicidade formal co ánimo de serenar a paisaxe.

En cambio, sorprende a imaxinación popular, se cadra dos que quedaron, na reutilización de materiais en peches de fincas e espantallos, tildada adoito de feísmo cando, en realidade, non é máis ca o que se fixo sempre: optimizar os recursos dispoñibles.

A carón desas edificacións, a presenza da ruína levanta a mala conciencia e xera un ímpeto rehabilitador, sen decatarse de que é tamén parte da historia e da paisaxe do país de trinta mil lugares.

Na distancia destaca a silueta dos montes, tapizados con árbores autóctonas e, outras veces, con eucaliptos que, coa súa tonalidade opaca e verticalidade, quebran a suave orografía. Unha especie forestal de tanto interese económico debería evitarse, polo menos, nos cumios para non romper os seus perfís.

A gran Galicia é unha parte do país que está á espera. Mentres tanto, tempo e reflexión por parte das administracións para non deixarse levar por ocorrencias, e solidariedade da outra Galicia, cun apoio concreto aos residentes, resistentes e envellecidos e, sobre todo, a aquelas persoas que decidan volver, porque elas serán as mellores conservadoras.