Póñame cen gramos de galego

OPINIÓN

20 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

En artigo recente, R. Blanco Valdés afirma, nada menos, que o BNG non é só un partido, pois é tamén un papado. Rechamante título, abofé! Chámame a atención que o autor, que seica non é candidato nestas eleicións, tome o BNG como sparring ao xeito dos máis arrichados contendentes partidarios. É a súa liberdade, claro é. Uso da miña para lle aclarar algúns extremos importantes, debidos probabelmente á ofuscación contumaz que causa ollar o nacionalismo galego con perpetuos anteollos prexuiciosos. Como en tantas outras ocasións, vémonos na obriga de refutar o que non profesamos no BNG.

Efectivamente, o BNG non é un partido nen unha coaligación de partidos. É, desde o seu nacemento, unha organización política plural, de funcionamento asemblear, método practicado na Galiza moito antes de que o arroguen algúns como invención. O da atribución papal recoñezo que ten graza. Os leitores han saber que o dogma da infalibilidade do Papa foi promulgado en 1870 por Pío IX. Utiliza Blanco Valdés esta prerrogativa papal para atribuírlla ao BNG que, segundo el, ditamina quen é galego e quen non o é. O Vaticano é un Estado minúsculo en extensión, mais moi poderoso en toda a súa rede de influencias e actuacións. Comparar o BNG con el é hipérbole manifesta, mais índomos ao centro da analoxía que xustifica o ataque, a pobreza argumental que revela é notoria. O articulista precisa inventar que o BNG expende carnets de galeguidade, cando a realidade é que as galegas e galegos só podemos posuír unha única identidade legal, a española, esta si imposta sen nengún tipo de discusión. Vaticanamente, vamos?

Blanco Valdés parece ignorar que unha das formas actuais de ser galego-a pasa mesmamente pola dificultade en admitilo e en facelo valer a todos os efeitos. Sendo isto así por historia acumulada e estando reforzada esta dificultade no mundo actual (globalización e as súas terminais: UE, Estado español), o BNG existe xustamente para converter en conciencia activa o sentimento que a todos nos alimenta como galegos. Transformar a galeguidade primaria en galeguidade secundaria ou completa: exercermos como galegos a tempo íntegro, sen pedirmos permiso, sen agardar a que nos veñan de fóra novas agresións ou ilusorias solucións.

R. Blanco Valdés ten todo o dereito a non ser nacionalista galego. Non o ten a, para manter esta posición, caricaturizar en falso o nacionalismo galego. Pode confundir prognósticos con desexos, mais eu asegúrolle que o RIP decretado sobre o BNG non se vai cumprir. En menos de 24 horas cadroume pasar dos 300 de temperatura en Vigo (despedida a M.ª Carme Kruckenberg) aos 120 da Coruña, así de variada é a Galiza. Analogamente, o mapa político galego non se entende sen o BNG. Hoxe e mañá. Góstelle ou non a algúns, sería ben que o admitisen, como galegos sen máis.