Nas vésperas do 17 de maio

OPINIÓN

29 abr 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Desde hai anos e anos, cando se aproxima o Día das Letras Galegas, as intervencións públicas sobre a personalidade literaria homenaxeada (na prensa, na tribuna?) poñen o acento nos aspectos máis positivos da súa biobibliografía, aqueles, sen dúbida, que decidiron o voto da Real Academia no día da correspondente elección. Eu, que posúo boa parte da hemerografía literaria dos meses de abril e maio, desde 1963 (o Ano de Rosalía), non recordo páxinas na prensa que poñan o acento en aspectos problemáticos da biografía ou da bibliografía de certos escritores, de certas escritoras.

En 1976 ninguén, nun xornal galego, lembrou que don Ramón Cabanillas fora a Salamanca, o 5 de xaneiro de 1938, para xurar o seu cargo de académico da Española por «España? hoy representada por el Caudillo, salvador de nuestro pueblo». (O xuramento fíxose pousando a man dereita sobre un Quixote orlado coa canga e as frechas da Falanxe).

Ninguén, en abril ou maio de 1981, reproduciu nun xornal textos nazifascistas de Vicente Risco deste xorne: «Al lado de Mussolini y Hitler, todos los demás políticos de esos mundos adelante son honorables medianías?, supervivientes de una época enteramente superada» (La Región, 13-5-1938).

Que se saiba, ningún xornal galego reproduciu na primavera de 1997 unha oda de Francisca Herrera Garrido titulada «Al Excelentísimo D. Francisco Franco Bahamonde, gloria de su siglo y honor y admiración de los siglos venideros» (1937).

Non temos noticia de que os periódicos galegos de 1991 reproducisen páxinas épicas de Laureados del 18 de julio de 1936, libro de lectura nas escolas, do que Álvaro Cunqueiro é coautor. Poderían aducirse exemplos máis ou menos semellantes doutros escritores homenaxeados o 17 de maio (Aquilino, Celso Emilio?), sen excluír a don Ramón Otero Pedrayo. Nesta primavera, unha publicación periódica galega exhumou tres poemas «de» Filgueira Valverde publicados nos anos da Guerra Civil sen a súa sinatura no «reportorio» O gaiteiro de Lugo. Hai indicios lingüísticos e, quizais, estilísticos de que a pluma de Filgueira non sexa allea. En calquera caso, cómpre situar os tres «poemas», ou sexa, poñelos no seu sitio, é dicir, no seu contexto e nas coordenadas da biografía dun galeguista que o 28 de xuño de 1936 votou SI ao Estatuto de Autonomía pero desde fóra do Partido Galeguista, que pactaba cos partidos laicos e revolucionarios do Frente Popular, a besta negra dos sublevados do 36.

Sobre Filgueira Valverde e sobre calquera escritor, laureado ou non, cómpre estudar a fondo, antes e despois do 17 de maio, o evidente e o problemático. O que desconcerta é que certos medios poñan o acento, sen a debida contextualización, en capítulos menores da obra dun intelectual galego que foi unha autoridade indiscutible en varios saberes e que, xa nos primeiros anos da posguerra (con menos lóstregos), foi, como adiviñara Alexandre Bóveda en 1935, «un obreiro da Causa galega».

Xesús Alonso Montero é presidente da Real Academia Galega