Nace Alianza Popular

Siro
Siro IMAXES DA TRANSICIÓN

OPINIÓN

25 abr 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Siro

No primeiro Goberno da monarquía, con Arias Navarro na presidencia, ninguén se mostrara tan comprometido coa reforma política como Fraga. Todos vían nel o líder máis capacitado para facela, pero o Rei confioulla a Suárez, e Fraga retirouse a Perbes a lamber as feridas e meditar. Volveu e viuse con Areilza e Cabanillas para dicirlles que non era tempo de laios, senón de arranxar un partido de centro dereita que gañase as primeiras eleccións democráticas; pero o 13 de setembro de 1976, cando Areilza e Cabanillas se dispoñían a aportar ao proxecto o seu «Partido Popular», Fraga sorprendeunos cun xiro á dereita que os deixou en fóra de xogo.

Chegara á conclusión de que acadaría a maioría parlamentaria cos votos do franquismo sociolóxico. Anos despois atribuiríase o mérito de desactivar a ultradereita con aquela decisión.

Alianza Popular presentouse no Hotel Mindanao o 21 de octubro con sete líderes: Fraga, Silva Muñoz, Martínez Esteruelas, López Rodó, Licinio de la Fuente, Fernández de la Mora e Thomas de Carranza. Sete ex ministros de Franco, que alguén -quizais eles mesmos- chamou «Os sete magníficos». O xornalista Manuel Antonio Rico comentou: «Las mejores cabezas del régimen, camino de la guillotina».