Nacionalismo ou superstición

OPINIÓN

20 abr 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Dicía Gregorio Marañón que toda a historia de humanidade pode reducirse á loita da razón contra a superstición. O lado irracional do ser humano necesita crer, dende o fungo aquel que curaba todos os males ata a propaganda do señor De Guindos sobre a boa dirección da economía española. Fe é crer o que non vimos, dicía o P. Astete.

O nacionalismo español, do que moitos non queren nin falar e outros negan, non sei se pode conceptuarse como superstición, pero si que non ten nada de racional. Nacionalismo español é esa rara pretensión, que embaza as mentes e entangaraña os espíritos, de sentirse lexitimado para exercer tutela sobre os demais pobos, xa se trate dos que integran o Estado ou xa se trate das antigas colonias do continente americano. A doutrina atinente ao caso é ben coñecida.

Este nacionalismo si que é excluínte, tanto que o exterminio é algo que se lle dá moi ben -durante décadas exterminou todo o que se lle puxo por diante- e agocha nostalxias imperiais, por máis que ás veces resulte patético, como na «reconquista» dos penedos de Perejil ou na bandeira esa de trescentos metros debida ao señor Trillo.

Nacionalismo asumido pola Igrexa e outras institucións, chegando aquela a posicionarse contra o Estatut (dando «orientacións» en contra da súa aprobación) e as segundas chegando ocasionalmente a ameazas directas como as do tenente xeneral Mena Aguado. Confundir patriotismo con nacionalismo, ás veces, faise adrede.

Sería un erro pensar que ese nacionalismo é patrimonio exclusivo da dereita, porque non é certo: os señores Bono ou Leguina, entre tantos outros, son bos exemplos desa irracionalidade (ou pode que superstición, en canto é tangaraño da mente) que tanto tolle a concordia e o desenvolvemento deste país.