Xéneros literarios

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

19 abr 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Reuníronse en Pontevedra profesionais da crítica de toda España (e das catro literaturas do Estado) para fallar os premios da asociación que nos últimos tempos preside o galego Ángel Basanta. Cada ano a Asociación Española de Críticos Literarios elixe unha cidade representativa do mundo das letras, por historia ou por significación simbólica, para decidir solemnemente os premios, que xa van pola LX edición. Desta vez tiveron a feliz idea de vir dar á cidade do Lérez: memoria de Valle-Inclán, de Castelao, de Torrente Ballester, Valentín Paz Andrade, o Padre Sarmiento, Xoán Manuel Pintos, Víctor Saiz Armesto, Perfecto Feijoo, o Colón galego de Celso García de la Riega, Concepción Arenal na rúa da Oliva, dona Emilia Pardo Bazán, Torcuato Ulloa, Amado Carballo, os libros da colección Benito Soto? E o venres, antes das deliberacións, acompañados de Ana Acuña e Olivia Rodriguez, alá fomos a facer ofrenda ao señor da Boa Vila, primeiro señor de Rianxo, Almirante do Mar, príncipe de poetas, Pai Gomez Chariño, diante do seu sartego, que pousa do lado da Epístola na igrexa de San Francisco. Un ramo de rosas brancas, coma as flores do seu navío.

Era fermoso, e emocionante, ver os críticos todos, eles e elas, arredor da tumba do señor medieval, cantor dalgunhas das máis fermosas coitas de amor que conservamos, símbolo dun dos momentos máis logrados da nosa literatura. Chegaron a nós 28 composicións súas, que se conservan no Cancioneiro de Ajuda e nos códices italianos, as máis de asunto amoroso. Eu repito sempre o mesmo: na historia da nosa vizosa literatura medieval hai dous enterramentos que cómpre visitar de obriga: a tumba do señor de Andrade en Betanzos e estoutra do pontevedrés, na igrexa de San Francisco, que encarna a música toda das rías.

Durante a cea repasamos a situación do país, e alguén dos presentes suxeriu a idea dun xénero literario para describir os tempos que corren. ¿Como traer á literatura esta especie de confusión, loucura social, desmadre desatado en que nos estamos movendo e que estoura decote nas páxinas dos xornais, nos informativos da radio, nos platós da televisión? ¿A novela negra? ¿O sainete? ¿Volver ao realismo social? Ao final coincidimos todos: o esperpento. Nada mellor nin máis eficaz que o esperpento. Acabo de chegar de Buenos Aires e alí as cousas non van moito mellor (respecto do espectáculo que está a dar certa clase política, quero dicir), pero a situación española ten un xénero específico que xa don Ramón María del Valle-Inclán propuxo hai case cen anos (Luces de bohemia, 1920). Nos tempos do señor de Rianxo tiñan a Cantiga de Escarnio e Maldicer. Non chegaría para o que arestora vivimos. O esperpento. Unanimidade absoluta. Está por ver que novo talento podería expresar (na literatura, no cine, no teatro) esta sinrazón política e social que nos abafa. Ao príncipe medieval, que andou tamén nas liderias da política, matárono dunha coitelada a traizón na devesa de Ciudad Rodrigo, no outono de 1295. Aquí vannos matar a todos a desgustos.