Os puntos suspensivos de Norma Duval

Pedro Puy
Pedro Puy FIRMA INVITADA

OPINIÓN

19 abr 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai xa moitos anos, alá polos 80, o defensor do lector dun coñecido xornal recibiu a queixa dun lector pola publicación dun anuncio que animaba a asistir ao espectáculo da vedette de moda reproducindo entre comiñas a crítica do show dun experto musical. O texto do anuncio dicía: «Norma Duval sale al escenario con evidentes deseos de agradar, cosa que consigue... Da muestras de una valentía temeraria, no se arredra por nada y lo canta todo...». En realidade, o texto orixinal da crítica dicía: «Norma Duval sale al escenario con evidentes deseos de agradar, cosa que consigue solo a medias: es un recreo para la vista y un tormento para el oído. Un espectáculo, por tanto, ideal para sordos. Sin embargo, Norma Duval da muestras de una valentía temeraria, no se arredra por nada y lo canta todo con inefable osadía».

Durante anos utilicei este exemplo para ilustrar aos estudantes de economía de primeiro un dos principais fallos do sistema de mercado, esa institución que utilizamos con relativo éxito para asignar os recursos, sempre escasos, de forma eficiente e distribuír as rendas. Porque os puntos suspensivos do anuncio de dona Norma poñen de manifesto a existencia de asimetrías na información de que dispoñen produtores (moita) e consumidores (moi pouca); pero tamén a existencia de comportamentos racionais que conducen á ignorancia: por non tomarse a molestia de contrastar o que dicía o anuncio, o espectador tomou unha decisión incorrecta, alomenos en relación co seu sentido do oído. E é que todos os procesos de adopción de decisións, tanto no ámbito dos mercados e en relación coas decisións de consumo, como no ámbito público e agora en relación coa participación política, todos tendemos a economizar a obtención de información. Circunstancia esta última, por certo, xa exposta en relación coas decisións políticas por Anthony Downs nos anos 50 do pasado século.

A ignorancia racional (ao igual que a existencia de asimetrías na información) xustifican a intervención pública para defender, entre outras cuestións, a veracidade da publicidade; ou para promover desde o público a circulación de información veraz á que todos podan acceder a baixo custo, como se fai coa protección das marcas, eses símbolos que asocian unha determinada calidade a un produto concreto. Aínda así, a tendencia á economización da información permanece, e por iso moitos cidadáns, tanto cando van ao supermercado como cando participan en política, invisten poucos recursos na adquisición de información: simplemente porque o custo de informarse (ler a etiqueta do envase ou o programa electoral) é superior ao beneficio de facelo. E así compramos en función da localización do produto na estantería, ou delegamos co voto en quen cremos que representa e defende mellor a imaxe que cada un de nós ten sobre a «boa sociedade» e as políticas que hai que aplicar para chegar a ela.

Desde esta perspectiva, e sen necesidade de botarlle a culpa, como fan algúns, á suposta escasa conciencia democrática da sociedade española (loxicamente herdada do franquismo e consolidada por esa a súa «excrecencia» a Constitución do 78), compréndense algúns dos resultados de participación que se están a producir naqueles movementos e mareas que fan bandeira da participación directa da cidadanía na adopción de todas e cada unha das decisións colectivas. Nas votacións para a elección dos líderes de Podemos participa normalmente o 11 % da militancia (sexa para a elección da líder en Andalucía, ou en Vigo). Ou que a lista electoral do PSOE na capital de Galicia foi aprobada nunha asemblea á que asistiron o 15 % dos militantes.

E é que, como lembra Sartori, «a democracia directa está condicionada polos números, e faise imposible nos grandes números»: porque a xente prefire, racionalmente, delegar, e non só porque en grupos numerosos resulta imposible realizar o ideal participativo. O malo, como tamén sinala o politólogo italiano, é que no camiño do activismo asembleario «é onde vence o demagogo, o manipulador por excelencia da soberanía popular». É dicir, onde vencen aqueles que saen ao escenario con evidentes desexos de agradar, cousa que conseguen...; aqueles que dan mostras dunha una valentía temeraria, e que non se arredan por nada...; aqueles que se agochan tras os puntos suspensivos para recreo da vista, pero a custe do resto dos sentidos.

* Pedro Puy é portavoz do PP no Parlamento de Galicia