Que estaba a dicir Varufakis?

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

30 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Con todo o balbordo que se organizou a propósito do dedo alzado de Varufakis, eu non conseguín decatarme do que estaba a dicir o actual ministro grego na reunión no Zagreb cando, ao parecer, manipularon o vídeo e engadiron un xesto groseiro e pouco axeitado para a situación que padece Grecia.

Dise sempre que unha imaxe vale máis que mil palabras, pero este caso demostra o equivocado desa valoración. Os alemáns indignáronse, os europeos do norte escandalizáronse, e os do sur, maioritariamente, divertíronse con ese xesto desprezativo e insolente, que, ao parecer, nunca existiu. O que si foi real e verdadeiro foron as palabras que serviron de base á manipulación visual do vídeo.

Nun documental emitido pola cadea pública alemá ARD, Varufakis afirma que os que deron o crédito a Grecia no 2010 sabían que non podía devolvelo porque estaba en bancarrota, que ese crédito foi un crime de lesa humanidade e que actuaron como uns banqueiros corruptos de terceira categoría. E o que parece que Varufakis estaba a dicir no discurso do Zafgreb do 2013, era que Grecia debeu declararse en bancarrota no 2010 e facerlle unha «peineta» a Alemaña». Ou sexa, en galego coloquial, mandalos a tomar por c...

Sé é así, os alemáns teñen todo o dereito a ofenderse. Aclaralo paréceme máis importante e digno de comentario que discutir se fixo ou non o xesto correspondente ás súas palabras.