A ti

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro DE BAR EN BAR

OPINIÓN

05 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha película de Woody Allen: A rosa púrpura do Cairo. Un diálogo breve entre Cecilia (Mia Farrow) e Tom Baxter (Jeff Daniels). Tom: De onde eu veño as persoas non te desilusionan nunca, son consecuentes, sempre podes contar con elas. Cecilia: Así non encontrarás a ninguén na vida real. Tom: A ti. Punto. A ti. Oxalá teñas cerca un home/muller a quen poidas contestar o mesmo en calquera cruce de palabras, ou entre as palabras de calquera cruce: ese lugar no que estás detido, sen saber que camiño coller, este, aquel, un dos tantos cruces (tantas cruces) da túa vida. Oxalá non falte un «a ti». Quizá as cousas máis importantes da vida collen en dúas palabras: unha preposición e un pronome, alta gramática. Todas as grazas. As declaracións de amor. Os máis fermosos poemas e as baladas cantadas, astro por astro, nas rúas do olvido. Que non falte un a ti. Que a soidade sexa unha voz muda e invisible, dama macabra extraviada, mar adentro, perdida. Que cando sufras, alguén tape con sol o teu frío. Que nos peores momentos, eses, sabes, a poucos metros de ti ou ao teu carón, rozándote, estean ela ou el mirándote, pensándote, amándote. Que alguén acompañe os teus soños, para que se cumpran. E os teus fracasos, para que aprendas. Que non perdas o último tren sentada, como Penélope, esperando. Un «a ti» reconforta máis que calquera bálsamo. É unha crema contra as urticarias, e os urticarios: seres tóxicos que transitan un mundo inmundo (non o teu). Este xoves reclamo esta breve resposta para todas as feridas. Que non perdas máis. Que non queiras perder. Que acariñen a túa pel. Que cosan con abrazos os abrazos rotos. Cecilia: Así non encontrarás a ninguén na vida real. Tom: A ti.