Soldadiños nerviosos

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

23 feb 2015 . Actualizado a las 16:52 h.

En Bruxelas vai un frío que fai doer a cara. Cos seus veos, as mulleres musulmás sófreno menos. Son moitas, se cadra a cuarta parte das que viaxan no metro. Aos seus homes non se lles nota tanto, non todos andan con sotana e pucho; mais tamén son masa.

A desconfianza e o medo están na rúa. Non hai edificio sensible que non teña á porta unha parella de soldados con armamento de batalla. Son noviños e están nerviosos, polo que provocan incidentes raros. Por exemplo, cun transeúnte que se detén a ollar unha mensaxe no seu móbil. Para ver mellor, coloca o dispositivo en posición apaisada e levántao. Iso fai que lle veñan enriba os soldadiños berrando en franco-inglés: «Monsieur, you took a photo!». O viandante nega o feito e segue a camiñar. Un soldadiño perségueo ata agarralo polo ombro. «Security, security! Show me your photo», esixe en canto o compañeiro se pon a falar por un equipo de radio de campaña.

Un escándalo. Para evitar o ridículo, o usuario da telefonía celular asaltado párase e mostra o dispositivo. O militar pon o dedo na pantalla e pasa fotos sen atopar nada sospeitoso. Falto de coñecemento técnico, non sabe que calquera imaxe xa borrada no aparello pode estar na nube, no Dropbox. En fin: que os soldados estarían mellor no cuartel, se cadra aprendendo algo de telemática.