Andrés do Barro cantaba en galego

La Voz VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

08 feb 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Vai alá un cuarto de século dende o seu pasamento (decembro de 1989). Tiña 42 anos. Morreu dun cáncer hepático. Nos últimos tempos estaba moi acabadiño, como tantos da súa xeración, que se afixeron a vivir a vida aceleradamente. En parte, o éxito levouno por diante. Entre outras cousas porque o éxito é bastante máis difícil de xestionar que o fracaso. Pero houbo media ducia de anos realmente gloriosos. Foi o primeiro artista que, cantando en galego, podemos dicir que entrou no mercado do pop, ata acadar por tres veces consecutivas o primeiro posto nas listas de discos máis vendidos en España: primeiro en 1969 con O tren, despois en 1970 con Corpiño xeitoso e San Antón.

Por esas mesmas datas mesmo protagonizou un filme, La red de mi canción (1971), producido por Cesáreo González e dirixido por Mariano Ozores, con Concha Velasco de compañeira de reparto. Seica os produtores consideraron que o acento do protagonista non era o máis axeitado para a condición de galán e impuxéronlle un actor para a dobraxe. O «dialecto» estaba ben para Xan das Bolas, que facía case sempre de garda civil (Historias de la radio) ou de sereno, cando aínda había serenos, mais non para o chico guapo que namora ao persoal. Con todo, as cancións si están na súa voz, e en galego. A xente de Madrid, de Sevilla, de Estremadura e de Murcia bailaba nos guateques coa música de Andrés do Barro. Xavier Alcalá sabe destas cousas, xa que foi o seu letrista (Teño saudade), compañeiro de batallas polos despachos e os estudios da capital.

En 1976 marchou a México, xa non se sabe ben fuxindo de que. Coma disque lles sucede aos elixidos dos deuses, a súa estrela foi rápida, apenas un lóstrego. A miña xeración non o entendeu. Andabamos todos politizados, buscando rimas para predicar a revolución (Voces Ceibes), e non nos dabamos de conta de que aquel pulo do Andrés, o seu éxito popular mesmo alén das nosas fronteiras, que os nosos emigrantes tanto celebraban na Suíza ou en México, igual que as músicas de Ana Kiro, tiña máis capacidade de transformación social do que imaxinabamos, inxección de autoestima para unha lingua, a nosa, que seica parece que está gañar a batalla da liturxia e da representación (tamén da impostura, todo hai que dicilo) e semella que pode perder a batalla da realidade.

Boto por diante esta lembranza como contrapunto aos 300.000 euros que seica vai levantar Enrique Iglesias por non sei que promocións nosas polo mundo: «¡Alegría, alegría? por la noche y por el día!», di o intelixente retrouso. Alegría nunca faltou, abofé. O seu pai, don Julio, recibiu da Administración que presidía Manuel Fraga 300 millóns de pesetas por algo parecido. ¿Quen dixo que non hai diñeiros? Depende para que. Hoxe a xente sae ás rúas reclamando recursos para o idioma galego, e para a cultura de noso, que non é un adorno, como repetimos tantas veces, senón un activo que tampouco acabamos de entender. Mágoa da memoria do Andrés do Barro, e de tantos artistas nosos que, aínda con todo, seguen a romper os cornos.