O AVE a Galicia

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

02 feb 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Tan pronto a ministra de Fomento anunciou que no 2015 se incrementarían en 1.000 quilómetros as liñas de AVE en toda España, entre elas a finalización do eixo atlántico que une Vigo e Madrid, a Generalitat puxo de novo en marcha a súa campaña contra o AVE galego, nesta ocasión apoiada por representantes de UPyD, que xa noutra ocasión demostraron o seu desprezo a Galicia. Un deputado do Grupo catalán asegurou que tales obras no eran rendibles, e que provocaban o abandono doutras que si o son, como as liñas de cercanías de Cataluña, opinión imparcial sen dúbida, e que obedece a esa actitude de algúns políticos cataláns de decidir soíños o que convén aos cataláns -por exemplo, a independencia- e , ao mesmo tempo, pretender mangonear ao seu gusto o que corresponde a outras autonomías. Eu, pola miña ignorancia, non podo opinar sobre se é rendible ou non, pero unha longa experiencia de viaxeira de Madrid a Vigo, e o meu sentido común, dinme que se agora, malia as seis horas e media de duración (que antes do AVE eran oito e media) segue a utilizarse o tren, unha mellora do servizo aumentará a afluencia de viaxeiros. Confío en que os nosos políticos teñan claro que levar o AVE a Galicia é xusto e necesario, como di o salmo, porque outra cousa sería marxinación. Felipe González, sevillano, inaugurou o AVE Madrid-Sevilla en 1992. Xa vai sendo hora de que nos toque a nós. ¡Contra!