A cuestión universitaria

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

01 feb 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai varias maneiras de considerala. De primeiras ocórrenseme tres: a perspectiva da formación académica, a cuestión económica e o que poderiamos chamar «metodoloxía». Empezando pola primeira, ¿son tres anos período dabondo para preparar titulados competentes nas materias da especialización? E non me refiro ás chamadas «profesións regulamentadas»: enxeñerías, sanidade, arquitectura, senón ao conxunto do que entendemos por formación universitaria. Agora falamos de créditos. No meu tempo unha licenciatura básica eran cinco anos (dous de estudos comúns e tres de especialidade), máis o que un quixese ou puidese investir no doutoramento, cuestión que daquela non era imprescindible, aínda que fundamental para o desenvolvemento de certas liñas de futuro.

Cinco anos. Aceptemos que a universidade actual é outra cousa. Para ben e para mal. Mais pregunto: ¿son tres anos tempo dabondo para a formación competente de futuros titulados? A redución recente (e aínda non reflexionada) de cinco a catro cursos académicos notouse, e esta que se propón máis que se vai notar, alén do deseño de programas, materias, dispersións e incoherencias. Hai titulacións que pasan coma foguetes polo alumnado (unha man de pintura rápida) sen posibilidade obxectiva de formación básica en materias de fondo: algo que, sinceramente, os alumnos non teñen tempo para adquirir nin os programas para deseñar.

Segunda cuestión: a económica. Se aceptamos que para unha formación competente o período de tres anos non abonda e cómpre ir aos dous anos de mestrado, ¿de que aforro falamos? Este xornal botou as contas. Os mestrados están a ser deseñados coma un complemento de ingresos que, pola porta de atrás, e discriminando á poboación estudiantil (ás familias), permite ás institucións académicas unha subida de taxas que se cadra hai que discutir, pero non pola vía do disimulo, moito menos de xeito vergonzante. A universidade privada, que hai tempo que aproveita a cuestión económica para encher as aulas con aqueles que non pasan a peneira selectiva de acceso á universidade pública, resulta a gran beneficiada, en detrimento dun sistema público cada vez máis castigado. Alguén está facendo un magnífico negocio.

E isto nos leva á terceira cuestión, á marxe dos modelos europeos, que certamente deben ser considerados. ¿Como é posible que, dende a responsabilidade do poder político, se afronte unha cuestión de semellante transcendencia con tanta precipitación? Ben sabemos que para paralizar calquera cambio non hai nada mellor que habilitar comisións de estudo. Pero neste caso (coma noutros de carácter estratéxico) o debate, a reflexión compartida, o consenso é fundamental. Debate académico e debate social. A política do ministerio Wert (non só na cuestión educativa) caracterízase por unha actitude de prepotencia e aceleración, pasando por riba da vontade e o discurso dos axentes implicados, que resulta escandalosa. Mais o ministro non é máis ca unha peza do Goberno, a expresión dun modelo ideolóxico e cultural que dá grima.