O valor da reforma universitaria

Juan Viaño FIRMA INVITADA

OPINIÓN

31 ene 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A reforma dos títulos universitarios que aprobou onte o Consello de Ministros ten varias arestas que convén analizar con fondura. É certo que pode aumentar o atractivo social por algúns títulos e incluso é interesante que se establezan debates constantes sobre o noso modelo de educación superior, adaptándonos aos novos patróns de mellora tanto da docencia como da investigación e a transmisión de coñecemento.

Esta reforma non soluciona varios problemas graves. Un dos máis críticos é o do valor económico. A reforma pode provocar o paradoxo polo que os estudantes teñan que pagar máis pola súa formación e as universidades perciban menos. Para unha universidade de tamaño medio, como pode ser a de Santiago de Compostela con 26.000 estudantes, a eliminación dun curso completo de todos os estudos de grao suporía a perda de máis de catro mil alumnos. Se lle poñemos unha cantidade económica a ese número estaríamos falando de de catro millóns de euros. Polo tanto, a proposta do real decreto suporía, de inmediato, un importante trastorno económico ao sistema universitario.

Pero esa merma non repercutiría positivamente nos petos nin dos estudantes nin das súas familias xa que os estudos de máster, na actualidade, teñen un prezo que duplica aos estudos de grao. En Galicia, estudar un grao custa de media algo menos de catro mil euros. Coa nova reforma, nos casos nos que sexa imprescindible estudar un grao e un máster de dous anos para poder exercer unha profesión, os custes aproximaríanse aos sete mil euros.

Xorde entón o paradoxo. Os que prestan o servizo gañarían menos e os usuarios pagarían máis. Sen dúbida, esta fórmula non parece axeitada para lograr mellorar a universidade española, algo que anhelamos todos.

Nesta ecuación tamén é preciso incorporar as variables que nos determina o propio tecido produtivo. A reforma universitaria non contempla axeitadamente o valor social e incluso legal que van ter os novos estudos. Vístese de autonomía universitaria a decisión final de implantación voluntaria en cada universidade, pero o certo é que é impensable un escenario no que estudar unha titulación en Santiago supoña un ano máis de duración que a súa homóloga en Barcelona.

A norma deixa nas nosas mans a coordinación, algo que desde sempre lle compete ás autoridades políticas que teñen a última palabra no financiamento, no mapa de titulacións e no recoñecemento final do valor de cada título. Neste sentido apélase ao escenario europeo, especialmente ao máis próximo como pode ser o francés ou o portugués. Hai uns quince anos, cando se estableceu a decisión da creación do Espazo Europeo de Educación Superior, partíase dunhas directrices claras fundamentadas na equiparación de estudos, no recoñecemento automático, na mellora da competitividade profesional e na simplificación burocrática. Desde o seu nacemento, ningunha destas directrices se cumpriu axeitadamente xa que hai poucos países que compartan o mesmo modelo. Daquela, en España optouse polo de catro anos de grao e un ano de máster, unha decisión que se foi adaptando co tempo á propia realidade do noso sistema. Polo de agora, aínda non podemos saber se esa decisión foi mellor ou peor que a dos veciños portugueses ou franceses, pero si comprobamos o duro proceso que supón un cambio desta magnitude tanto no económico coma no organizativo.

Evolucionar é sempre algo positivo para unha sociedade. Revolucionar non. Estudar e modificar un modelo formativo pode ser bo. Cambialo cada dez anos non. Esixirnos ás universidades responsabilidade, creatividade e esforzo é moi bo. A inestabilidade xurídica é a primeira pedra para a invernación, o colapso e o caos.