A contabilidade de Luis

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

30 ene 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Sexamos sinceros. A ninguén lle sorprende que Luis Bárcenas saia do cárcere. Todos sabiamos que, tarde ou cedo, quedaría en liberdade. Pode ser que a alguén o colla por sorpresa o momento exacto, pero na nosa mente xa estaba rexistrada a imaxe de Luis abandonando a prisión.

Como nos vai sorprender se unha e outra vez estamos vendo coma os que cometen delitos deixan atrás as reixas con tanta facilidade? Téñenos afeitos a estas cousas. Como tamén o estamos a que desde as altas esferas, en lugar de condenar os actos corruptos, se dediquen a maquillalos.

Despidos en diferido (ou como era? Desculpen a miña ignorancia, pero nunca o dei comprendido ben), xa non pertencía ao partido, non era a súa letra... E o inmellorable «Luis, sé fuerte». A min faltoume un «Luis, te queremos». Porque vaia, xa era o último.

E con todo, o que me parece que volve escapar ao meu entendemento e comprensión, coma o devandito despido, o que máis me preocupa, non é iso. O que me quita o sono é que ninguén dubide que haxa unha caixa B de financiamento en moitos partidos. Por que? Porque é o habitual. Porque en España as cousas fanse así. Por iso nin sequera o dubidamos. Hai caixas B por onde vaiamos. E só maquillamos isto para que o resto dos países non se asombren. Boa imaxe non dá, pero é a realidade.

«Luis, sé fuerte», ti aguanta dos cartiños e da lingua que xa veremos como amañamos isto para recuperalo todo.

Que queren que lles diga... a min dáme medo a sociedade que estamos a construír. Vaia herdanza!