O corno do rinoceronte

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

27 ene 2015 . Actualizado a las 04:47 h.

Cazadores furtivos están poñendo en perigo de extinción aos rinocerontes. A razón da matanza masiva destes animais é a crenza de que o producto que se consegue triturando o seu corno ten propiedades curativas e tamén afrodisíacas. O corno dos rinocerontes está formado exclusivamente por queratina, a mesma substancia que forma as uñas dos humanos, e as súas propiedades curativas ou afrodisíacas son as mesmas, é dicir, segundo a ciencia, ningunha. Pero no mercado negro asiático o kilogramo de corno de rinoceronte vale máis de 50.000 dólares. A estupidez do consumidor e a falta de escrúpulos dos traficantes implicados rematarán por provocar a desaparición de toda unha especie. Algo semellante acontece coas quenllas. Atribúense ás súas aletas propiedades para rexenerar as articulacións, crenza falsa e perigosa, pois hoxe sábese que contén unha neurotoxina, a BMAA (beta-metilamino-L-alanina), que ten efectos adversos no cerebro, a medula da espiña e os nervios periféricos. O compoñente da aleta que podería ser benéfico, a glucosamina, pódese encontrar en España nas farmacias, barata, e por certo sufragada pola Seguridade Social, mesmo tras os recortes. Recorden o marabilloso relato de Bradbury, O ruido do trono. Se a morte dunha bolboreta no pasado pode provocar terribles catástrofes no presente, como será un futuro sen rinocerontes nin quenllas?